Hai algún tempo dera noticia da aparición desta publicación en rede, singularmente cando foi dedicada aos fondos obrantes na Fundación Penzol arredor de Celso Emilio Ferreiro. Onte recibín o número seis desta entrega, da que segue a se responsabilizar o profesor e escritor Silvestre Gómez Xurxo e que, nesta ocasión, está centrada na bibliografía e materiais de arquivo obrantes nos fondos da Fundación Penzol, nomeadamente nas bibliotecas da Fundación Penzol e de Fernández del Riego, no Arquivo Fernández del Riego e nos Fondos Ramón Piñeiro.
Resulta, ao meu ver, ben interesante este boletín pois cataloga e describe as monografías, os artigos de e sobre Díaz Castro, a correspondencia conservada con Del Riego e Piñeiro e outros documentos de interese. Ao tempo, reprodúcese algunha cuberta e mais algunha mostra do epistolario de Díaz Castro, como esta de abaixo dirixida polo escritor de Guitiriz a Fernández del Riego en 1957. Grazas por unha publicación tan útil para a investigación, co desexo que se dispoña en liña para a súa efectiva difusión.
Graciñas Ramón pola túa garimosa crítica sobre o NOVAS PENZOL 6.
Como Director da Fundación Penzol quero facerche chegar o noso agradecemento pola resoancia tan construtiva que dás ao noso traballo.
Apertas fondas.
Quico Domínguez
O agradecido son eu pola vosa xenerosidade e polo voso traballo. Unha aperta.