Os Gotten, de Alfonso Álvarez Cáccamo

Alfonso Álvarez Cáccamo
Os Gotten
Xerais, Vigo, 2014, 112 páxinas, 16,65 €

 

Alfonso Álvarez Cáccamo volve asomarse ao xénero do relato curto desde as páxinas de Os Gotten: un conxunto de historias de rexistro evocador e articuladas como unha homenaxe íntima á estirpe familiar á que o autor pertence.

       Non prescinde Cáccamo nesta obra dalgún dos trazos que máis e mellor o singularizan como narrador como é esa perspectiva irónica, que esvara ás veces cara ao humor, moi ben suturado con faíscas de espírito crítico e con certo arrecendo melancólico, esparexido na inevitable recuperación de instantáneas, perfís ou sucedidos traídos con axilidade narrativa a este xogo de espellos operativo para reflectir a memoria enlazada coa ficción: un efectivo recurso que disfraza, na súa xusta medida, o que talvez aconteceu.

       Quen queira descubrir a singularidade dos Gotten ten que se debruzar nesta ventá narrativa na que se crean situacións que, por exemplo, fan pensar no mundo ao revés; descóbrese o misterio que significa ter frío na alma e revélase como as pedras, ás veces, falan. Circulan persoas que fan brincadeiras nos seus cabodanos transubstanciándose en seres de carne e óso e mesmo un case acredita na existencia dun anano invisible que só acouga coa lectura; desvélanse vidas marcadas pola soidade ou repárase naquilo que as aparencias ocultan. Todo iso, e aínda máis, poboa Os Gotten. Moi recomendable.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 7 de febreiro de 2014 baixo o título de “Cáccamo debuxa o mundo ao revés”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.