Carta aberta a Dolores Vilavedra ao fío dun "nicho de minorías"

Vigo, 15 de febreiro de 2014

Prof. Dolores Vilavedra

Compostela

Prezada Loli:

Desde o respecto e a consideración que me mereces desde hai tantos anos véxome na obriga de sintetizar algunhas reflexións ao fío duns comentarios que vertes no teu artigo titulado “Literatura galega. Un fenómeno proteico” e que inclúes no último e valioso número da revista Grial, revista que tanto admiro e da que son subscritor desde hai ben de tempo. Fágoo publicamente porque entendo que o teu artigo é de difusión pública e está ao alcance de todas as persoas interesadas.

    Refírome, concretamente, a dous aspectos que paso a comentar, aínda que talvez habería máis. O primeiro derívase da afirmación vertebrada arredor das iniciativas nacidas na Rede que quixeron paliar o que denominas “déficit informativo”, algo en efecto palpable tras a desaparición dalgunhas revistas especializadas e consecuencia, como sinalas, dos escasos espazos existentes nos “medios de comunicación de masas destinados a publicitar e comentar as nosas obras literarias”.  É nese punto cando afirmas que a aparición dalgunhas bitácoras de información literaria, entre as que citas esta mesma, amósanse “sen grande éxito cuantitativo” (sic), sentenza que, francamente, non alcanzo a comprender se se trata dunha valoración puramente subxectiva e doadamente rebatible -como me inclino a pensar- ou está alicerzada nalgunha enquisa de opinión que descoñezo . Como se valora o éxito dunha bitácora de información literaria galega? Supoño que a través das persoas que navegan por ela e eu asegúroche que, acotío, nesta poden contarse  por centos.

     Por outro lado, nun comentario máis amplo no que referencias tamén outros blogues, afirmas con rotundidade que “seguen a ser nichos de minorías -máis ou menos amplas- interesadas na materia, pero non resultan eficaces para facer visibles e atractivas as nosas letras entre novos sectores sociais onde poidamos incrementar a base lectora” (sic). Deixas caer aquí responsabilidades ou intencións que non son, no meu caso, nucleares -particularmente só quero ofrecer o meu gran de area para a difusión de contidos, nun sentido amplo, da literatura galega-  mais xa que apuntas ese extremo sei que numerosas persoas que xamais leron en galego, ou que leron pouco no noso idioma, e fáloche desde a miña experiencia como docente,  comezaron a se interesar pola nosa literatura a través do que vían, lían ou se informaban en diferentes bitácoras e pola difusión exponencial que estas obteñen nas redes sociais.

     Tras a miña experiencia de dúas décadas de presenza ininterrompida no ámbito da crítica galega, acreditando na relevancia de difundir este patrimonio que á nosa literatura, e aproveitando  agora a Rede coas súas extraordinarias posibilidades, xulgar este blogue e outros como “nicho de minorías” resulta, cando menos, rechamante e mesmo doloroso. No meu caso, sábelo ben, estou moi lonxe de caer en actitudes compracentes de ningún tipo, nin sequera co meu propio traballo,  pero esa etiqueta que aplicas a esta e outras bitácoras paréceme un chisco desatinada e un tanto sorprendente vistos os camiños polos que a sociedade das novas tecnoloxías, da información e do coñecemento avanza.

        Con todo o meu aprecio, recibe unha aperta moi cordial,

Moncho

2 Comments

  1. Prezado Moncho, moito che agradezo a lectura e a resposta ao meu artigo, pois como saberás (ti, que me coñeces hai ben tempo) adoita guiarme a vontade de provocar o diálogo e o debate serenos que tanto precisa -na miña opinión- este noso país (como por outra banda demostra algún disparatado comentario ao teu ponderado texto). Ou sexa que, reitero, graciñas pola atención.
    As miñas reflexións que citas non querían en absoluto ferir sensibilidades, e menos as de persoas coma ti, comprometidas dende hai décadas coa interpretacón e divulgación da nosa literatura, senón máis ben presentárense como un exercicio de humildade. Porque cando falo de ‘nichos de minorías’ refírome tamén ao espazo que eu mesma estou a utilizar nesa artigo, ou sexa a revista de cultura Grial. Por suposto, coma as que expoño no resto do artigo, esta é unha opinión subxectiva, nun texto que se quere de natureza ensaística e especulativa (un tantiño provocadora tamén, xa sabes…). E entendo que son (‘nichos de minorías’) porque a eles chega quen vai na procura de determinado tipo de información, ou quen se move nunha definida esfera cultural. Logo de moitos anos exercendo a crítica literaria en espazos como a Radio Galega, ou o suplemento do xornal El País, constato que nunca como entón conseguín chegar a novos públicos, anónimos e non necesariamente comprometidos coa nosa lingua, ou interesados na nosa literatura. Velaquí a miña experiencia, e velaí a miña teima: a da imprescindible necesidade de racharmos o teito de vidro que constitúen todos estes espazos de nós, para ocuparmos de pleno dereito outros digamos máis xeneralistas. En definitiva, saírmos do guetto.
    Esta é a miña opinión, que teremos ocasión de debater en vivo e en directo a próxima vez que nos vexamos (adota ser no mes de xuño, xa sabes). O da recepción das bitácoras literarias entre o estudantado deixámolo para entón.
    Un bico

Os comentarios están pechados.