Manuscritos: Uxía Casal

Uxía Casal, que transita como narradora polos ámbitos  da literatura infanto-xuvenil e máis polos da narrativa para un lectorado adulto -onde salienta, ao meu ver, o título Vidas exemplares (2006)-, non é talvez unha autora valorada na súa xusta medida polo que resulta unha satisfacción que hoxe visite esta bitácora.

    Inquirida sobre os seus hábitos de escritura afirma que non escribe moito a man pois  “non podo facelo moito tempo seguido. Apunto o imprescindible para non enredarme cos personaxes e os seus nomes, pero pouco máis; algunha idea que me vén de súpeto e detalles así” e o proceso creativo responde a actuacións diferentes cando ten que responder a algunha encarga concreta, poñéndose mans á obra ao que ten perfilado o tema, ou cando debe acometer historias longas e relatos pois neste caso: “cando arrinco –ás veces con moito pulo- case sempre sei que ese material non formará parte da versión definitiva, pero resúltame necesario escribilo para saber cousas dos personaxes, o seu pasado, as súas angueiras, as súas teimas ou tics… Dubido á hora de escoller narrador, puntos de vista, enfoques, etc., e probo varios até decidirme por un concreto”.

      Recoñece que a corrección supón case unha obsesión para Casal e que atribúe, en boa parte, á súa experiencia docente e mais “ao afán perfeccionista que me caracteriza”. Sen preocupacións por se apurar na dinámica creativa, procurando cada vez máis “a claridade a comunicación sen malabarismos nin florituras”,  na actualidade escribe con certa regularidade no seu blogue persoal gradicela.blogspot.com.es e colabora nun blogue colectivo que empezou hai pouco a súa andaina –cafebarbantia.barbantia.es– que saudei desde aquí hai algún tempo. Grazas a Uxía Casal pola súa colaboración.