A profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra remíteme unha resposta a un apuntamento da miña autoría e faino a xeito de comentario na devandita entrada. Agradézolle a atención que dispensou ás miñas reflexións e, acreditando que é de regra que goce dun tratamento semellante á miña carta inicial, permítome reproducir as súas palabras a continuación. Moitas grazas.
Prezado Moncho, moito che agradezo a lectura e a resposta ao meu artigo, pois como saberás (ti, que me coñeces hai ben tempo) adoita guiarme a vontade de provocar o diálogo e o debate serenos que tanto precisa -na miña opinión- este noso país (como por outra banda demostra algún disparatado comentario ao teu ponderado texto). Ou sexa que, reitero, graciñas pola atención.
As miñas reflexións que citas non querían en absoluto ferir sensibilidades, e menos as de persoas coma ti, comprometidas dende hai décadas coa interpretación e divulgación da nosa literatura, senón máis ben presentárense como un exercicio de humildade. Porque cando falo de ‘nichos de minorías’ refírome tamén ao espazo que eu mesma estou a utilizar nesa artigo, ou sexa a revista de cultura Grial. Por suposto, coma as que expoño no resto do artigo, esta é unha opinión subxectiva, nun texto que se quere de natureza ensaística e especulativa (un tantiño provocadora tamén, xa sabes…). E entendo que son (‘nichos de minorías’) porque a eles chega quen vai na procura de determinado tipo de información, ou quen se move nunha definida esfera cultural. Logo de moitos anos exercendo a crítica literaria en espazos como a Radio Galega, ou o suplemento do xornal El País, constato que nunca como entón conseguín chegar a novos públicos, anónimos e non necesariamente comprometidos coa nosa lingua, ou interesados na nosa literatura. Velaquí a miña experiencia, e velaí a miña teima: a da imprescindible necesidade de racharmos o teito de vidro que constitúen todos estes espazos de nós, para ocuparmos de pleno dereito outros digamos máis xeneralistas. En definitiva, saírmos do guetto.
Esta é a miña opinión, que teremos ocasión de debater en vivo e en directo a próxima vez que nos vexamos (adoita ser no mes de xuño, xa sabes). O da recepción das bitácoras literarias entre o estudantado deixámolo para entón.
Un bico