
Mais Modesto Fraga pasa hoxe por aquí para compartir un manuscrito e algunhas reflexións sobre as súas dinámicas creativas, xeradas cando a situación ou os impulsos o requiren. No seu caso, os soportes nos que o fai dependen máis ben do xénero que transite, escribindo en ocasións ben a man ben a ordenador. Para a inspiración poética, sinala, “collo papel e bolígrafo e escribo a man. Normalmente, unha vez rematado o proceso creativo, o poema inicial (o punto de partida) nada ten que ver co poema definitivo. Isto pode deberse -creo eu- a unha certa obsesión polo coidado da forma, dos aspectos métricos e estilísticos que eu valoro especialmente. Polo tanto, da virxinal explosión da idea á concreción final do poema hai unha nebulosa de heptasílabos, endecasílabos e alexandrinos que, malia garabatearen o papel, acaban dando forma a arquitectura do poema”.
Con todo, ao abeirarse a outros xéneros como son artigos de opinión, contos, recensións ou ensaios, a escolla é xa o ordenador, entendendo a pantalla como “un aliado máis e, nese senso, síntome máis cómodo ao aproveitar as ferramentas que nos ofrece, sen ir máis lonxe, o procesador de textos”.
Deixa aquí Modesto Fraga un manuscrito publicado hai algún anos nun libro de autoría colectiva titulado 37 poemas por man propia que publicou a colección Bourel e que pertence ao seu poemario Mar de ausencias (Libros da Frouma, 2009). Beizón.
1 Comment
Os comentarios están pechados.