Rosalía de Castro. Imaxe e realidade, de Fernando Pereira Bueno

Rosalía de Castro, talvez xunto con Castelao, eríxese como un dos referentes visuais de maior forza e consistencia no imaxinario colectivo galego. Se cadra é porque a súa figura encarna algunhas das esencias da nosa propia identidade, se cadra porque a isto axudou certa auréola de misterio que aínda rodea a súa vida, tan pouco e mal coñecida. Por iso cómpre saudar con satisfacción este rastrexo e reprodución de imaxes, mais sobre todo a análise das diversas dimensións que se substancian nas abondosas representacións iconográficas que se fixeron, ao longo dos anos, da autora de Follas novas e que se encerran nun estudo novidoso, orixinal e que vai da man do manexo dunha enorme documentación, estruturada con limpeza e efectividade pois Fernando Pereira Bueno soubo resolvelo e presentalo explicando as razóns que impulsaron a artistas plásticos, de toda índole e de diferentes épocas, a retratar a Rosalía.

      Nesta “lectura” iconográfica rosaliana –quen non ten unha ou media ducia delas na memoria?- revélase a multiplicidade de asedios artísticos á que foi sometida a súa figura, simbolizando cada un deles unha visión particular que repousa nas fotografías que se obtiveron no tempo en que viviu, nas reinterpretacións contemporáneas da súa imaxe ou nos retratos ou caricaturas hoxe en día coñecidas. Rosalía tamén esta aí.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 14 de febreiro de 2014 baixo o título de “Iconografía rosaliana”.