Se algo ten o humor e o mais o riso é que actúa como unha inmellorable terapia, se ademais vén ao fío da literatura daquela, ao meu xuízo, o resultado é fantástico. Memorable resultou a presentación d´Os Gotten que se realizou onte na libraría Andel da cidade de Vigo. Manuel Bragado, Gonzalo Navaza e o autor do libro, Alfonso Álvarez Cáccamo souberon desvelar con enxeño, humor e, ao meu ver con acerto, as claves deste libro.
Tras a preceptiva presentación do editor Manuel Bragado, o profesor Gonzalo Navaza diseccionou a totalidade destes once relatos autónomos, unidos polo marco común que se deriva desa estirpe familiar retratada a medio camiño entre ficción e realidade, sen chegar a caer nunca no temido spoiler. Foron suxestivas, asemade, as vinculacións que detectou en diversos relatos co arrecendo a mestres do xénero como Maupassant, Borges, Poe ou Cortázar, sen deixar de subliñar o espírito de contrafacción ou parodia que enchoupa tantas páxinas dun volume, por outra parte, de clara filiación humorística e fantástica.
Alfonso Álvarez Cáccamo enfilou un discurso no que evocou os primeiros contactos con Edicións Xerais hai xa vinte e cinco anos, subliñando o papel relevante que xogou na edición do volume o editor Cid Cabido, para derivar nalgúns aspectos que tocou con humor e simpatía como o espírito policial que latexa nas actuacións do que denomina os “comisarios” do idioma, a carón de referencias a un libro inédito que leva tempo construíndo titulado Frases con nata para desvelar, finalmente, a orixe e mais a esencia dalgúns dos relatos que se integran nun volume que, non o dubido, volvo recomendar vivamente.