Caligrafía rosaliana ao fío duns apuntamentos con glosas do Cancioneiro Popular Galego

Entre outras iniciativas civís que se están a vivir hoxe, cómpre salientar, ao meu ver, as que abandeiran a AELG, a Fundación Rosalía de Castro ou o Consello da Cultura Galega, esta última coa excelente achega que consiste en dar a coñecer parte do epistolario rosaliano conservado (beizón ás responsables deste traballo tan relevante).

       Daquela case resulta obrigado incorporar algún apuntamento de temática rosaliana e rescato, non sen certas reservas aínda que dunha comparación entre estes textos e outros que amosan a caligrafía rosaliana paréceme case fóra de toda dúbida a adscrición da autoría dos mesmos a Rosalía, estas dúas follas que responden a apuntamentos que recollen e glosan textos pertencentes ao Cancioneiro Popular Galego.

        Estas dúas páxinas resultan, ao meu xuízo, interesantes pois responden ao traballo previo que inspirou os Cantares gallegos e tráioos desde unha galería de acceso público que contén seis  imaxes procedentes dos fondos da Fundación Penzol e que se aloxan na web da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Probablemente a súa orixe se poida situar nos denominados “Fondos especiais” de devandita fundación.