O café do idioma, de Xosé Enrique Acuña

Xosé Enrique Acuña

O café do idioma

Friccións, 208 páxinas, 17 €

Que ocorrería se unha crise económica e política inducise á Unión Europea a solventala coa partición da península ibérica en tres estados, de xeito que Galicia sufrise un novo proceso centralista con base en Lisboa? Que pasaría se un  movemento  clandestino e insurxente galego pugnase arreo por acadar a independencia? Estes son algúns dos esteos sobre os que Xosé Enrique Acuña constrúe a súa primeira novela.

         A esta armazón, unha sorte de distopía que lle outorga á novela certo saibo de thriller policial, ou mesmo político, súmaselle a  incorporación da vontade explícita dunha muller que conclúe, e dispón para o prelo, a súa primeira novela na que realiza un axuste de contas con ela mesma, co seu pasado, coas loitas políticas nas que se viu inmersa, coa súa propia familia… E mesmo aí é onde circulan outros vectores, talvez os máis substanciais da novela: abondosas referencias memorialísticas que resultan ás veces recoñecibles aínda que se lles aplique certo disfrace ficcional. Todo é operativo para articular un deseño de actitudes e sentimentos humanos, conformado por moitas doses de paixón e de traizón, moitas expectativas frustradas dun feixe de vidas coas que se persegue desmitificar certos lugares comúns presentes na nosa historia máis recente.

         É ben claro que Acuña puíu a novela con efectividade. A presenza dunha pluralidade de personaxes e a introdución de historias de moi diversa filiación –cartas, anacos de diarios, informes políticos, conversas…- pode, talvez, suxerir unha lectura complexa ou esixente na busca dun lectorado activo e dinámico. Aplaudo tamén esa aposta.

Esta recensión, baixo o título de “Entre a distopía e os bucles da memoria” publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 21 de febrero de 2014.