Cuestionario Proust: Xesús Constela

Xesús Constela

1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ás veces fico tan absorto ao longo dun momento que na miña casa dicían que estaba nunha nube, a nube Constela! O meu reino non é deste mundo…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Que teñan unha boa capacidade para escoitar (no senso máis amplo da palabra)
3.– Que agarda das súas amizades?
– Os meus amigos son todos tan grandes que sempre me sorprenden. Nunca serei quen de lles agradecer que sexan como son, e xustamente por iso quizais o que desexo é que sexan sempre así.
4.– A súa principal eiva?
– Un pesimismo que ás veces abrangue todo. (O mundo de cando en vez non é redondo.)
5.– A súa ocupación favorita?
– Nunca pararía de viaxar, de enchouparme de ulidos novos, de linguaxes novas, de comidas novas, de novos códigos de conduta…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Sol, area, mar, tranquilidade…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte dos meus. Que hecatombe!
8.– Que lle gustaría ser?
– Sempre sentín unha envexa enorme de quen pode expresarse a través da música.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun país que non tivese que estar a se reivindicar a cada momento.
10.– A súa cor favorita?
– Non sei. Azul, quizais. En todas as súas tonalidades.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Adoro as magnolias e as camelias. Son a ledicia (un tanto efémera) do meu xardín (e xa que logo da casa) en pleno inverno. Son flores valentes que plantan cara ás xeadas cunha fermosura que abafa.
12.– O paxaro que prefire?
– Da Terra o merlo. Quedei namorado del cando nunha hedra da casa descubrimos un niño e seguimos a evolución dos poliños até que medraron e marcharon. Foi abraiante. Unha experiencia sen par. De fóra gústanme os tucanos, meu Deus! con eses peteiros tan impresionantes! Que paxaros tan estraños!
13.– A súa devoción na prosa?
– Esa narrativa que me atrapa e me transporta e me leva e me sacode e me axita, esa narrativa que me sorprende dende a primeira liña tanto pola lingua como pola mensaxe.
14.– E na poesía?
– O Pablo Neruda do Canto general. Nunca cansarei de lelo. Todo canto me move e me conmove está aí.
15.- Un libro?
Cien años de soledad. Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo… Despois deste comezo o autor (re)inventa o mundo. Que grande aquel Gabo!
16.– Un heroe de ficción?
– David, o pastor que acabou con Goliat.
17.– Unha heroína?
– A nai Coraxe de Brecht.
18.– A súa música favorita?
– Adoro a mestizaxe. Que fermosa é a mestura, non?
19.– Na pintura?
– Brueghel o vello. Canto falan eses cadros!
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Eses personaxes anónimos que son quen de daren todo polos demais e nunca van aparecer nos xornais nin na televisión. Sen eles/as o mundo sería puro lixo.
21.– O seu nome favorito?
– Son de nomes tradicionais.
22.– Que hábito alleo non soporta?
. Non soporto os “trepas”. Non podo con eles!
23.– O que máis odia?
– Esa chuvia que non cesa neses días escuros en que a chuvia non cesa ao longo de meses en que a chuvia non cesa e a mente se vai enchendo de mofo e queremos fuxir pero non podemos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai tantas que non teño espazo. Dende o primeiro homínido que utilizou a forza bruta para se erguer sobre os seus conxéneres e descubriu que o poder era seu, a lista de energúmenos resulta insoportábel. Mal raio os parta a todos!
25.– Un feito militar que admire?
– Se por feito militar vale una revolución non podo evitar pensar na revolución francesa. Liberté, Egalité, Fraternité.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Penso que xa o dixen… pero canto me gustaría saber cantar ben!
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo (placidamente).
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A dúbida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os despistes.
30.– Un lema na súa vida?
– Son corredor de fondo!