Pasa hoxe por esta sección Ramón Blanco, que publicou hai pouco Vida e obra de Francisco Añón e mais o poemario Emily on the road.
Blanco pode escribir a calquera hora en calquera lugar, ademais gústalle “esborranchar cadernos e panos de papel nos bares. De feito, así foi nacendo Emily on the road”. Porén, onde mellor traballa é no estudio da casa e, cando se centra nalgún proxecto, a música nunca falta: “érgome moi cedo, ás cinco ou seis da mañá. Fago café. Levo comigo a cunca e tan pronto entro no estudio acendo a radio; xa teño preseleccionada a emisora Radio Clásica. Cando uso a computadora ás veces busco emisoras de jazz en iTunes, mais só acostumo redactar na máquina os textos non ficcionais. Así que habitualmente é con música clásica. Collo un libro que me guste e leo un fragmento para coller o ritmo”.
No que atinxe aos soportes, Ramón Blanco escribe en folios soltos ou en follas de cadernos sen orde ningunha, agás o seu último libro poético: “que foi realizado nun caderno exclusivo” e a poder ser “cun rotulador Pilot V-5 de tinta negra”. No que di respecto da dinámica creativa afirma que “o normal é que saiba como comeza e como remata o texto; por exemplo, nun poema, vou encadeando versos que me leven do primeiro ao derradeiro. Tento seguir o consello dunha profesora do instituto que nos falaba da importancia de fechar ben un poema, de darlle un bo final”. Mais non é esa a única opción pois en ocasións comeza “cunha especie de escrita automática que máis tarde terei que ordenar. Hai que riscar todo ou case todo, mais aí talvez estea a esencia do que quero contar”. Os textos que se reproducen abaixo ilumínase estes aspectos: na primeira imaxe vense estes balbucidos e será logo no proceso de reescritura cando o poema colle a súa forma riscando “algún verso ou algunha palabra que non acaen. Se o concepto vale a pena rescátase con novos nomes. En ocasións ofrezo máis dunha posibilidade, para escoller máis tarde (como sucede cara á metade da segunda imaxe, que presenta a reescritura do que se vía na primeira imaxe). O ritmo dámo unha lectura interna en voz alta, unha e outra vez”. Por último, se o resultado é satisfactorio “o texto desenvólvese con maior seguridade. Na imaxe terceira, que é continuación do contido na segunda, xa se ven menos palabras riscadas”.
Por último, o autor deixa que as propostas descansen “uns días, unhas semanas, uns meses… Volvo lelo e, se aguanta, comezo a transcribilo na computadora. Aí dáse unha nova reelaboración. Varias correccións e reescrituras. En concreto, deste manuscrito que presento (fragmento IV de Emily on the Road, aínda que no libro suprimín esta separación cos números romanos) debe haber como mínimo cinco versións mecanografadas posteriormente. A miúdo, parafraseando a Oscar Wilde, só para poñer un guión pola mañá, que pola tarde volvín quitar”.
Beizóns a Ramón Blanco por esta colaboración e pola minuciosa descrición da arte de escribir. Premendo na imaxe os manuscritos visualízanse a un maior tamaño.
1 Comment
Os comentarios están pechados.