Pasaia blues, de Harkaitz Cano

Harkaitz Cano

Pasaia blues (tradución de Isaac Xubín)

Hugin e Munin, Compostela, 2013, 204 páxinas, 15 €

 

Que a novela negra é un xénero operativo para retratar un tempo e unhas circunstancias concretas ninguén o dubida. O resultado gaña enteiros cando se sutura cun feixe de historias de amor e desamor que espellan con plasticidade as contradiccións da condición humana no medio dunha atmosfera ofegante como é a vila de Pasaia a finais dos anos noventa. Aínda máis se o argumento flúe con habelencia en distintos planos, establecendo en ocasións un rendible xogo de espellos entre a voz narradora e uns personaxes perfilados con solvencia que van camiñando paseniño, mais con convicción, cara a un estoupido final: unha confluencia en aparencia imposible pero verosímil, buligando nun mundo marcado pola violencia e polas obsesións, coa soidade e o medo como únicas compañeiras de viaxe onde traizóns e sospeitas se enguedellan arreo nun bucle case inesgotable.

         A escrita de Cano é, ao meu xuízo, sorprendente e inesperada  pois é difícil conxecturar os escorzos que agocha. Nela seméntanse, aquí e acolá, sentenzas poderosas pousadas na narración con discreción e metáforas que tantas veces constitúen intensos lampexos; deséñanse espazos cheos de simboloxía como son esas montañas portuarias de ferralla ou ese mercante varado no medio da ría, cargado de caranguexos destinados a apodrecer: dous tótems  que miran imperturbables cara a cidade na que pasan cousas, ás veces arrepiantes, que cando cumpre son relatadas sen compracencia.

        A editora Hugin e Munin amosou un exemplar olfacto ao traer á lingua galega esta obra e, ao tempo, escoller para iso un solvente tradutor desde o éuscaro como é Isaac Xubín.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 28 de febreiro de 2014, baixo o título de <A noir que chegou das letras vascas>.       

1 Comment

Os comentarios están pechados.