Na cociña de noite, de Maurice Sendak

Maurice Sendak

Na cociña de noite (tradución de Xosé Manuel González)

Kalandraka, Pontevedra, 48 páxinas, 15 €

 

Recibo con entusiasmo esta primeira entrega do “ano Sendak”, como Kalandraka denomina este proxecto, que abordará nos vindeiros meses a publicación dun bo número de libros do autor americano, en versións para o galego, mais tamén para o éuscaro, catalán, portugués e castelán, ao que seguirán outros títulos o vindeiro ano.

     Nesta ocasión trátase de Na cociña de noite, en tradución de Xosé Manuel González, un libro que viu a luz orixinalmente no ano 1970 e que se nuclea arredor da figura de Miguel, un neno que actúa como protagonista, ao que parece un alter-ego do autor,  que vive unha aventura de corte onírico e fantástico nunha pastelaría onde tanto  tres cociñeiros, caracterizados como Oliver Hardy ou ese “máis leite” que se reitera como unha sorte de ladaíña que tanto lembra algunha pasaxes de películas dos Irmáns Marx, contribúen a dotarlle ao texto dunha imaxe de non-sense. Malia ese elemento prevalece, ao meu ver, a idea do poder que atesouran os soños e de como, de cando en vez, con eles se poden acadar cousas fantásticas, isto é, voar, ser forneado, construír unha avioneta coa masa de pan, volver voar e converterse en Miguel o leiteiro, sobrevoando unha marabillosa paisaxe nocturna neoiorquina onde os edificios son paquetes, botellas e frascos de comida co obxectivo de axudar na pastelaría. Un libro que, segundo os especialistas, mantén un correlato en estilo e deseño das páxinas co título Little Nemo in Slumberland, historietas surrealistas do debuxante norteamericano Winsor McCay (1869-1934).

       Curioso e significativo resulta que unhas imaxes do protagonista espido -un neno á fin e ao cabo- fosen a causa de que este libro sufrise a censura por parte de sectores ultramontanos que impedían a súa lectura en bibliotecas escolares e públicas estadounidenses en virtude dun puritanismo de cerna visceral. Ver para crer.

       Reitero os meus parabéns por incorporar esta alfaia ao mundo da literatura infantil en lingua galega. Todo un luxo, todo un orgullo, este magnífico álbum.