A balada do café triste (tradución de Salomé Rodríguez Vázquez)
Rinoceronte, Cangas, 180 páxinas, 16 €
A balada do café triste, da narradora estadounidense Carson McCullers, reedítase agora por Rinoceronte e chega á nosa lingua precedido doutro título magnífico: A voda, traducido por Laura Sáez para Edicións Xerais en 1997.
O volume incorpora seis relatos breves preludiados por unha estremecedora e desacougante noveliña breve. Esta, que lle dá o título ao libro e que conta cunha adaptación ao cine con Vanessa Redgrave como protagonista, é unhas desas pezas arrebatadamente conmovedoras que deixan sen alento a quen a le. Próbese tan só a procurar nela sentenzas ciscadas sobre a vida e a morte -verdadeiros diamantes literarios- e xa pagaría a pena achegarse a ela.
Milimetricamente composta, recrea o devalar conformado por un triángulo sentimental desde as instancias da sinxeleza e da transparencia narrativa, esculcando nos comportamentos da condición humana desde a óptica do amor e no seo dunha sociedade da América profunda onde a alma “podrece co aburrimento”. O amor visto como experiencia, alicerzado na atracción polo desemellante e que agroma nun humus estraño pero posible, pois “a verdadeira historia de amor é a que ten lugar no corazón dos amantes”.
Os seis relatos restantes, apuntando sempre ao que latexa no fondo da alma humana, non son un simple engadido. Literariamente redondos afondan, cun escalpelo guiado con mestría e precisión, en asuntos como son a represión exercida contra as mulleres e algunhas clases sociais, os alicerces do patriarcado, a identidade sexual ou a soidade. Unha espléndida achega narrativa.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 14 de marzo de 2014, baixo o título de “O que latexa no fondo da alma humana”.