Soubemos de Francisca Herrera Garrido, e emprego o plural porque esta experiencia non é única nin privativa, a través de Camiño Noia, profesora do chamado Colexio Universitario de Vigo de finais dos anos oitenta, que nos convidara a ler Néveda, reeditado naquela altura por Edicións Xerais de Galicia. A Herrera Garrido, precisamente, dedicaríaselle o Día das Letras Galegas no ano 1987 e Camiño Noia, xunto con Carlos Casares, realizara algunhas achegas de valor revelando a existencia dunha escritora invisibilizada, practicamente ignorada e esquecida xa non só do canon senón mesmo dos estudios literarios galegos. Resulta moi rechamante e significativa a peripecia que relata como foi o seu ingreso na Real Academia Galega, ou mellor dito como non se formalizou. É igualmente curioso que estando depositados certos fondos da autora no Museo de Pontevedra non se afonde áínda máis na súa biografía e nunha análise global da súa achega.
Mercé á colaboración da Fundación Penzol con esta sección titulada “Manuscritos” incorporo aquí unha carta enviada pola autora a Otero Pedrayo. Cómpre realizar dúas aclaracións verbo de dous lapsus que se rexistran no íncipit da carta: o nome do Otero era Ramón, non José, e a data da súa redacción non é correcta pois non se pode tratar de 1901 ao comentarlle que pode enviarlle a Otero dous libros publicados en 1913 e 1915. A carta, ao meu ver, non está exenta de interese, alén de cuestións puramente caligráficas, pois subliña, nunha primeira parte as confluencias en cuestións de “amor á nosa terra común” e, nunha segunda parte, dálle consolo e ánimo en virtude dunha fe cristiá compartida.
Moitas grazas, querido Ramón, polas referencias á miña edición de Néveda, traballo ó que me dediquei hai tanto tempo. Foi un traballo inducido polo meu feminismo sobre o que non volvín malia saber que no Museo de Pontevedra se garda un arquivo de escritos seus.
Son unha investigadora de intereses varios que pico aquí e acolá.
Moitas grazas polas túas palabras. Unha aperta!