Con Antón Riveiro Coello no Club de Lectura "Lendo no Galiñeiro"

Antón Riveiro Coello agasallounos onte, coa xenerosidade que o caracteriza, un serán inesquecible. Achegouse á tardiña ao Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” do IES Valadares e gozamos alí dun par de horas de intensa e aleccionadora conversa arredor, basicamente, desas dúas grandes pezas da narrativa galega contemporánea como son Laura no deserto e mais As rulas de Bakunin, sobre as que se dialogou abondo, aínda que tamén se tocaron aspectos do que se podería denominar a cociña (literaria) do autor, isto é, o seu espertar á creación literaria, as lecturas e o pouso que estas deixan ou as fontes e dinámicas empregadas para a xestación das súas novelas. Houbo tempo tamén para falar d´Os ollos de K, de Casas baratas e doutros títulos, sempre con simpatía e proximidade. Un serán extraordinario, non teño dúbida, onde moito aprendemos sobre literatura e sobre vida. Moitas grazas, Antón (abaixo unhas fotos do encontro nas que falta o espléndido fotógrafo, Anxo Cabada).