«Libros de luxo ao alcance de todos. Conversa con Gemma Sesar» (en Qué leer, nº 196, Letras galegas)

GEMMA SESAR, RESPONSABLE DE EL PATITO EDITORIAL, FÁLANOS SOBRE ESTE SELO E SOBRE O SEU PRIMEIRO CÓMIC COMO AUTORA: VIDA DE NAI (CON DEBUXO DE RAMÓN MARCOS E COR DE JORGE CASTELLI).

Gemma Sesar, que se presenta como historiadora da arte e incondicional da banda deseñada, decátase das dificultades que se derivan, primeiro, do día a día do selo compostelán no que traballa como editora nestes tempos de crise e, en segundo lugar, de ter que harmonizar o seu labor con dous fillos pequenos. Estas vivencias plasmounas nun blogue e agora son a base de Vida de nai.

– Que a conduciu a iniciar unha aventura como El Patito Editorial?
– Foi algo que xurdiu un pouco sen intención. O meu marido, Fausto Isorna, é deseñador gráfico e debuxante e estaba a montar unha exposición sobre o seu personaxe Golfiño. Buscamos unha editorial que quixese publicar o catálogo desta e vimos que en Galicia había un desinterese total polo cómic, así que decidimos facelo nós mesmos e logo empezaron a chegar máis propostas de autores… e aí empezou todo.

– Que balance pode facer tras sete anos de traballo?
– É durísimo montar unha editorial, agora é cando notamos que estamos máis asentados e que empezamos a entender de que vai todo isto. Ao principio, publicas aquilo que che gusta e vas dando paus de cego, non sabes moi ben por onde tirar. Despois, vas vendo cal é o teu público, onde hai un oco e vaste posicionando, pero os principios foron moi difíciles.

– O catálogo da editora suxire a construción dun fondo heteroxéneo e atractivo…
– Comezamos facendo cómic xuvenil e adulto, con autores galegos e outros clásicos españois como Santiago Martín Salvador, Miguel Calatayud ou Alfons Figueras. E en pouco tempo introducimos a ilustración como parte do noso fondo e, en particular, os cadernos de viaxes con ilustradores de aquí como David Pintor ou Jorge Arranz, e a colección Esto es… de Miroslav Sasek que eu lía na miña infancia. Ultimamente abrimos unha liña de poesía ilustrada de clásicos galegos, comezamos coa poesía de Rosalía de Castro, cinco volumes e un cd cunha selección dos seus poemas musicados por Fran Pérez, “Narf”; e nestes momentos estamos a preparar unha dobre edición en galego e castelán do libro De catro a catro de Manuel Antonio, traducido por outro escritor galego, Luís Rei Núñez, e ilustrado por Pablo Otero “Peixe”

– O éxito de Ardalén, de Miguelanxo Prado, supuxo unha lombeirada aos seus proxectos?
– O éxito de Ardalén supuxo, primeiro, unha grande alegría porque eu creo que Miguelanxo é o mellor autor europeo de cómic hoxe en día. E, en segundo lugar, supuxo unhas vendas enormes, nuns meses vendeuse a primeira edición enteira, imos xa pola segunda e no verán sairá a terceira. Agora esperamos ansiosos o seu novo libro que sairá en maio.

– De editora a autora con Vida de nai…, talvez un reto persoal?
– Si. Foi un reto persoal. Quería contar a miña vida de loucura con dous nenos pequenos e unha empresa que tiña que lidar coa crise, e quería facelo sen disimulos, narrándoo todo tal cal acontecía: o bo e o malo. As nais aínda seguimos cargándonos a nós mesmas con moita culpabilidade por non poder atender máis aos nosos fillos e ter que traballar moitas horas, e co libro quería demostrar que nos pasa a todas, que se pode dicir en alto e que o facemos moi ben nos dous papeis.

– Como encara o futuro El Patito Editorial nun contexto como o actual?
– Con ganas, con moitas ganas. Sabendo que en calquera momento podemos desaparecer pero traballando todos os días para manternos. Cando empezamos con isto se algún día deixabamos de existir queriamos deixar un bonito cadáver. Así que seguimos tratando de que cada libro cumpra o noso lema: “Libros de luxo ao alcance de todos”.

Esta entrevista publicouse na sección «Letras Galegas» da revista Qué leer, nº 196. Ofrécese aquí a súa versión íntegra en lingua galega.

1 Comment

Os comentarios están pechados.