Xoán Ignacio Taibo (foto orixinal: Santos-Díez)
1.- Principal trazo do seu carácter?
– A inconstancia. Tamén a incapacidade máis absoluta para facer cartos, para o comercio e os negocios.
2.- Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade impregnada de tolerancia verdadeira.
3.- Que agarda das súas amizades?
– Que saiban escoitar. E que xamais falen de fútbol na miña presenza.
4.- A súa principal eiva?
– Verme ancorado no presente, sempre a agardar que o presente acabe.
5.- A súa ocupación predilecta?
– Viaxar no tempo. Escribir. Escribir mentres viaxo no tempo. Tamén adoitaban ser as linguas; talvez retorne a elas…
6.- O seu ideal de felicidade?
– Escribir e ler de mañanciña ao aire fresco e libre no meu recuncho.
7.- Cal sería a súa maior desgraza?
– Non quero nin pensalo: son incapaz de facer esas previsións.
8.- Que lle gustaría ser?
– Viaxeiro no tempo. Sempre que conservase o dereito ao retorno.
9.- En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza moito máis culta e, xa que logo, libre.
10.- A súa cor preferida?
– Azul celeste.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A comestíbel. A flor do grelo…
12.- O paxaro que prefire?
– O pato lacado á moda de Beijing.
13.- A súa devoción na prosa?
– O social-realismo máxico. O Borges menos étnico, Cunqueiro como tendencia, Cortázar, Ferrín…
14.- E na poesía?
– A cantiga de amigo pura, Curros, os futuristas, Celso Emilio…
15.- Un libro?
– A Odisea.
16.- Un heroe de ficción?
– O Rei Artur, se resulta non ser monárquico. O doutor Watson, que a envexa do insoportábel Holmes teima sistemática en poñer en ridículo.
17.- Unha heroína?
– A madrasta da Brancaneve: o que tivo e aínda ten que aguantar esa muller, inxusta e falazmente deostada pola difamación ruín.
18.- A súa música predilecta?
– Bossa Nova.
19.- Na pintura?
– Su(pe)rrealistas e impresionistas.
20.- Un heroe ou heroína na vida real?
– Àngelo Colocci
21.- O seu nome preferido?
– Iria, Iago.
22.- Que hábito alleo non soporta?
– O falar sen escoitar ao outro.
23.- O que máis odia?
– Que o fútbol o impregne todo, que se poña como exemplo.
24.- A figura histórica que máis despreza?
– Franco, cos seus sucesores.
25.- Un feito militar que admire?
– Fóra da Guerra de Troia, detesto a épica. Xa que logo, como feito militar aínda só parcialmente realizado, o desarme: mágoa que os tratados para a redución de armas nunca sexan de supresión. A disolución das Forzas Armadas na Costa Rica.
26.- Que don natural lle gustaría ter?
– O don das linguas, con todas as mortas e mais as vivas.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– A durmir.
28.- Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A busca do riso.
29.- Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O riso, agás se rin de min.
30.- Un lema na súa vida?
– Non te precipites, analísao antes. Outro: a democracia non é ningunha situación permanente, nunca está acabada nin completa: cómpre construíla día a día con ben de esforzo.
1 Comment
Os comentarios están pechados.