Na presentación d´A alternativa está aquí, de María Reimóndez, na libraría Andel

Foi un pracer asistir á presentación d´A alternativa está aquí, de María Reimóndez, celebrada onte no comprometido espazo co libro galego e portugués que simboliza a Libraría Andel; un libro do que mañá exporei a miña lectura na sección de libros galegos do suplemento Fugas de La Voz de Galicia.

       Principiou as intervencións Manuel Bragado quen subliñou á xénese da obra  que situou nunha conversa coa autora sobre a necesidade dun volume que falase sobre cooperación e desenvolvemento,  aínda que o resultado final sobardase, felizmente e con moito, tal obxectivo. Subliñou, asemade,  o traballo diverso e comprometido da autora coa causa do feminismo, co activismo social e coa literatura, citando as súas últimas publicacións como son FeminismosPresente continuo, Volvo. O regreso de Usha e o presente ensaio, resultado de moita experiencia acumulada e que definiu como un texto “político” e “fulcral” na traxectoria da autora, inserido na colección “Libro X”: unha serie concibida “para fomentar o debate nun momento de inconformismo onde a política debe ter outro valor”. Un ensaio, este,  “escrito en tempos difíciles”, reactualizando a fermosa sentenza de Juan Farias, e que entende como unha proposta “para enxergar a esperanza, para procurar alternativas, para compartir espazos, para promover o pacifismo e apostar pola corresponsabilidade sobre ámbitos moi diversos”. Un texto, en fin, que valorou como “ambicioso” e que chama, de seu, a abandonar “a retórica dos heroes”.

        Pola súa parte Emilio M. Martínez Rivas comezou apelando ao recordo de Xesús Jares e cualificouno como un libro compacto, onde nada resulta gratuíto, escrito sen eufemismos e de doada lectura, que nace dunha visión dunha vontade de intervención política, pero dunha política que non “vén dos partidos políticos”, xerándose desde as instancias da militancia e mais do activismo, desde as causas do feminismo e da solidariedade internacional. O groso da súa intervención xirou arredor de catro elementos que considerou axiais neste ensaio: o universo das ONGDs, subliñando tanto o traballo de Implicadas como entidade que aposta por un cambio de estruturas e por desvelar as claves de actuación dos chamados “Grupos de Axuda Mutua”; o asunto do consumo responsable e, finalmente, as referencias  á cuestión idiomática e mais ao feminismo.

       Por último  a autora pechou o acto referíndose á xestión do libro en primeiro lugar. Unha experiencia que adxectivou como “complicada” pois aplicou nela un espírito de sintetización e un uso dunha linguaxe accesible, algo dificultoso pola vontade de profundidade que tamén teñen estas páxinas; mais ao tempo considerou a redacción do libro como “doado” pois porque está baseada, fundamentalmente, na experiencia. Un ensaio que non entende como  “resultado dun proceso de investigación”, antes ben un espello de vivencias derivadas da práctica e acción no mundo da cooperación e o desenvolvemento, a carón doutros moitos temas, escrito desde o feminismo e desde a compaña de moitas activistas e de compañeiras que constitúen os denominados Grupos de Axuda Mutua. Un libro, por último, no que quixo asumir unha “visión global das cousas” e “ver as súas conexións”, termando “da maneira de entender ás outras e de entendérmonos nós”. Un libro, isto é de colleita propia, que estou certo promoverá o debate e o diálogo, algo do que tan precisos estamos nestes tempos.

1 Comment

Os comentarios están pechados.