Cuestionario Proust: Héitor Picallo

Héitor Picallo

1.– Principal trazo do seu carácter?
– A tenacidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O xuízo crítico e os que loitan polos dereitos propios e colectivos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade (imparcialidade, honestidade…).
4.– A súa principal eiva?
– Non me preocupar o suficiente pola miña estabilidade económica.
5.– A súa ocupación favorita?
– Investigar en base a documentos históricos ou realizar cálculos físicos e matemáticos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que o noso pobo sexa dono do seu futuro.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder o idioma que me regalaron os meus país.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame seguir sendo feliz (debuxando e escribindo). Gustaríame encontrar a luz perfecta nun cadro e a palabra xusta nun sentimento.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, ao pé do Atlántico, e de non ser neste país, en Flandres, tamén ao pé do Atlántico.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella, intensa.
11. – A flor que máis lle gusta?
– O alecrín do toxo, pero tamén a da xesta (branca ou amarela).
12.– O paxaro que prefire?
– O melro rieiro, ou o martiño peixeiro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Ánxel Fole (Á lus do candil) e Luís Pimentel (Sombra do aire na herba); na prosa internacional Eduardo Galeano e Gabriel García Márquez.
14.– E na poesía?
– No verso galego, Méndez Ferrín e Marica Campo; no verso internacional Arthur Rimbaud (sobre todo pola composición de Le Bateau Ivre) e René Char (autor de Les Matinaux)
15.- Un libro?
Sempre en Galiza de Castelao, no que se refire á literatura galega; na literatura internacional, Les Mots de Jean-Paul Sartre.
16.– Un heroe de ficción?
– Thor (co seu equivalente galego: o nubeiro).
17.– Unha heroína?
– Storm (tormenta).
18.– A súa música favorita?
– A música de raíz, a música popular (Faustino Santalices, Milladoiro, Treixadura, Susana Seivane,…), as músicas de vangarda de distintos países (New Age), a minimalista (Michael Nyman, Win Mertens, Philip Glass) e a clásica (Offenbach, Verdi, Beethoven).
19.– Na pintura?
– Na pintura galega, as composicións de Luís Seoane, Castelao e Corredoyra; na pintura internacional, os estudos de Leonardo da Vinci e Rembrand, así como o hiperrealismo de Omar Ortiz.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Juana Calfunau, lonko-líder dos Mapuches; e Rigoberta Menchú.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de roubar os bens comunitarios (augas, fragas, recursos naturais).
23.– O que máis odia?
– A corrupción e a opresión aos débiles.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Felipe II.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Respectar a todo o mundo e querer a todas as culturas por igual.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Escoitando a miña familia falar en galego e, xa morto, co meu cadaleito cuberto de milleiros de anaquiños de papeis con palabras escritas no idioma de noso, que me abriguen do frío das ausencias.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Son moi positivo, sempre me gusta loitar polos meus ideais con optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inconsciencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Creo no ser humano, pero non en todas as especies.

1 Comment

Os comentarios están pechados.