Acompañei este pasado venres, na libraría Cartabón, a Marta Dacosta na súa presentación en Vigo de Argola, o poemario que resultou galardoado na primeira convocatoria do premio O Figurante Edicións.
Resultou un pracer facelo nunha casa amiga como esta libraría emprazada no barrio no que nacín e medrei e tamén porque son moitas as vivencias e experiencias comúns compartidas con Marta Dacosta. De feito parte da miña intervención xirou arredor dalgunhas desas evocacións tiradas do pozo da memoria e, doutra parte, das impresións que obtiven da lectura deste poemario.
Marta Dacosta, pola súa banda, afondou nas orixes do poemario e no proceso da súa redacción, engadindo algúns apuntamentos de interese sobre as claves lendarias e tamén socio-políticas que alicerzan os poemas, sen esquecer outras referencias como a da ruda, presente nun magnífico poema deste libro que, desde aquí, volvo recomendar (foto superior cortesía da Libraría Cartabón e José Gorís).