Manuscrito: Antón Avilés de Taramancos

Cumpríronse onte vinte e dous anos desde o falecemento de Antón Avilés de Taramancos, unha das grandes voces líricas da poesía do século XX e, ao meu ver, non menor no que se refire á súa presenza como narrador, aínda que a celebridade que acadou como poeta, tal e como aconteceu con Celso Emilio Ferreiro, agochase ou minimizase a relevancia da súa obra en prosa. Particularmente Nova Crónica das Indias (1989, Ir Indo; 2003, Xerais) sempre me pareceu un libro fundamental e aínda na actualidade non valorado xustamente.

           E hoxe pasa por esta bitácora a memoria dese  Antón  Avilés, a través dun mecanoscrito, “crucificado a Galiza” como el mesmo sinala desde a distancia espacial que se derivaba  da súa vida en Bogotá,  a través dunha carta dirixida a Otero Pedrayo mediante a que presenta a  Manuel Arce Valladares, embaixador de Guatemala en Bogotá quen, nunha viaxe a Galicia xunto coa súa dona, pretendía coñecer a Otero Pedrayo. A carta inclúe unha nota manuscrita do propio Arce na que fala da  vindeira publicación dun libro que se trataría, un par de anos despois, do poemario Desdo fondo canta o río (Galaxia, 1966). A carta reprodúcese mercé á xenerosa colaboración da Fundación Penzol con esta sección.