Hai xa algún tempo propúxoseme acometer a tradución dunha novela cuxa autora descoñecía. A primeira lectura do orixinal sorprendeume gratamente ao bater cunha prosa limpa e moi fluída, afastada do edulcorado e que, nalgunha medida, era quen de revelar de seu como as cousas son distintas para uns protagonistas mozos que deben mirar cara adiante en contextos ben desemellantes e, nun caso concreto, nunha situación extrema moi pouco favorable. A novela chega agora ao galego baixo o título de Debuxos no muro, publícaa a editorial Galaxia cun novo deseño na colección Costa Oeste, e a súa autora é a libreira, ilustradora e escritora valenciana Aurora Ruá. Deséxolle moita sorte nesta andaina en lingua galega.