«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 67 (marzo-abril 2014)

1. Un dos acontecementos literarios do ano, sen dúbida ningunha, vai centrarse na edición en galego, mais tamén en castelán, portugués, éuscaro e catalán, que a editora pontevedresa Kalandraka realizará de cando menos unha ducia de títulos do gran Maurice Sendak (1928-2012) e á que seguirán máis publicacións ao longo do ano que vén. Á reedición de Onde viven os monstros xa se suma Na cociña de noite, en tradución de Xosé Manuel González: un libro publicado nos anos setenta e que resultou censurado pola sociedade norteamericana máis conservadora por mor dalgunha ilustración considerada escandalosa. Cómpre estar atentos a esta espléndida iniciativa á que lle desexo moita sorte.

2. Sei da minuciosidade e profesionalidade dos traballos de investigación que até o de agora foi dando a coñecer a profesora marinense Ana Acuña. Por esa razón é toda unha alegría a publicación do seu ensaio Conciencia política e literatura galega en Madrid, que publica Edicións Xerais. Sospeito que atesoura novas visións e datos descoñecidos e precisos para conformar unha visión acaída do discurso literario e da conciencia galega en Madrid nos últimos cincuenta anos do século pasado.

3. Asemade, outro título que asina María Reimóndez, A alternativa está aquí (Xerais), conxecturo que chamará a atención por ofrecerse nel  un discurso ao que parece gobernado pola vontade de propor reflexións desde o individual ao colectivo, baixo a intención de axudar a  modificar certas estratexias particulares á procura de resultados efectivos en moitas ordes da vida.

4. Pola súa parte, Galaxia anuncia como produto-estrela, e fóra de colección,  a publicación dunha novela-disco orientada cara a un lectorado xuvenil que subscribe Charo Pita e que contén ritmos que van do rock á bossa, pasando polo ska e outras músicas a cargo de Xan Curiel. O seu título é Estamos no verán e conta con ilustracións de Iván R.

5. Finalmente, a editora Urco, especializada en literatura fantástica e de terror, anuncia para datas próximas Apocalipse Z. Os días escuros, a segunda parte da triloxía Z de Manel Loureiro e que se completará coa terceira a finais de ano. Ao tempo anuncia unha novela de ficción científica de Jorge Emilio BóvedaO sol do pasado-, unha proposta con trasfondo social  que servirá para inaugurar unha liña de literatura infanto-xuvenil do selo compostelán.

Este texto viu a luz na sección “Breviario” do número 67 da revista Biblos. Clube de Lectura.