Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Elvira Riveiro Tobío

 Elvira Riveiro Tobío

 1.– Principal trazo do seu carácter?
-Gústame pensar que a xenerosidade
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A intelixencia, a lucidez, o sentido do humor, a humildade, a sinceridade, a xenerosidade, o optimismo, o entusiasmo…
3.– Que agarda das súas amizades?
-Crítica cando me falta autocrítica, apoio nas horas escuras, un convite na súa casa (que acepten o convite na miña), que non sexan repunantes coa comida, que poidamos escachar xuntas coa risa…
4.– A súa principal eiva?
-O vaso está medio baleiro.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler textos que me fagan feliz, que me conmovan, que me revolvan, que me inciten, que me sorprendan, que me poñan a carne de galiña…; ser a Babette do festín; andar camiños non asfaltados; ter sexo de calidade con alguén que reúna os substantivos (polo menos algúns) que seguen á pregunta 2
6.– O seu ideal de felicidade?
– Creo que a felicidade total non existe cando es consciente que ao teu redor hai persoas infelices por causas que teñen que ver coa inxustiza ou a desigualdade. En todo caso, achegaríase bastante un día que combine boa compañía, boa música, boa lectura, 22ºC, bo filme, boa comida e bebida e bo sexo (con 2 ou 3 destas cousas no mesmo día e xa me considero afortunada).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Quedar sen disco duro, sexa o informático, sexa o que gardo baixo os ósos frontal e parietal.
8.– Que lle gustaría ser?
-Moitas cousas!: botánica, espeleóloga, arqueóloga, amazona sobre renos en Mongolia (unhas horiñas)… Sobre todo, gustaríame ser máis pragmática.
9.– En que país desexaría vivir?
– Calquera onde se fixese realidade o lema da Revolución Francesa.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello intenso, o verde en case toda a súa gama.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Pois eu que n’as canto voume pór estupenda e escribir un ramallete: unha invasora e velenosa: as calas ou cartuchos; unha euro-asiática: a flor dos chuchameles (Lamium maculatum); unha do sur de Europa: a flor da madreselva (Lonicera caprifolium); e unha endémica do noroeste peninsular: os paxariños (Linaria triornithophora)
12.– O paxaro que prefire?
– O de lume, de Stravinsky.
13.– A súa devoción na prosa?
– As historias que retratan seres humanos en situacións límite, coma O corazón da escuridade de Joseph Conrad ou a Suite francesa de Irène Némirovsky, cuxa lectura lle debo a un bo amigo
14.– E na poesía?
– Son lectora omnívora. Hoxe, por exemplo, veño de almorzar cos textos dunha poeta intensa e contida: Anise Koltz
15.- Un libro?
– Si, grazas
16.– Un heroe de ficción?
– O home feliz do conto de Tolstoi.
17.– Unha heroína?
– A que corría polas veas de Billie Holiday cando cantaba “I’m a fool to want you”.
18.– A súa música favorita?
– “Don’t you be so sweet” de Carina Posse.
19.– Na pintura?
– Os debuxos de Begoña G. Arce.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Desta vez, un ramo de rosas: Rosa Parks, Rosa Luxemburgo, Rosa(lía) de Castro, as trece rosas e todas as rosas anónimas que contribuíron ao sustento e ao progreso da humanidade.
21.– O seu nome favorito?
– Sara e Carina (ou viceversa)
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade e tamén que anden fisgando para facerche un “traxe a medida”.
23.– O que máis odia?
– O abuso do máis forte, a manipulación, a inxustiza, a intolerancia, a desigualdade, sentir dor…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera asasino de masas (e a restra é -sempre- demasiado longa).
25.– Un feito militar que admire?
-A Revolução dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para a música.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Feliz.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Dándolle voltas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que non repercuten nos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– É mellor arrepentirte daquilo que fixeches que do que non fixeches.

Advertisements

Un comentario en “Cuestionario Proust: Elvira Riveiro Tobío

  1. Pingback: Cuestionario Proust: Elvira Riveiro Tobío | ::Axenda cultural AELG::

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 30 Marzo 2014 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: