Manuscritos: Pedro Feijoo (e II)

Hai por volta de ano medio Pedro Feijoo pasara por esta sección deixando unha mostra manuscrita da súa primeira novela titulada Os fillos do mar. Particularmente pensó que non era difícil sospeitar que A memoria da choiva, a súa segunda entrega narrativa, se convertería nunha proposta que iría concitando o interese e mais a atención tanto do lectorado como de boa parte da crítica galega.

     Agora chegan a esta sección, por cortesía do autor, tres mostras do seu último libro e  que se corresponden con tres momentos diferentes da xestación do libro. A primeira trátase de apuntamentos do autor tras unha longa entrevista que mantivo con Xesús Alonso Montero, a quen lle solicitou asesoramento sobre certas cuestións documentais. A continuación reprodúcese outra mostra manuscrita de carácter máis caótico e que se deriva de anotar unha idea, como Feijoo sinala: “literalmente ao voo, xa que xuraría que se trata dunha das moitas follas escritas en plena viaxe, dentro dalgún avión”.

      A derradeira que aquí se amosa correspóndese cun texto orixinal da novela, xustamente no momento no que o personaxe principal lamenta a perda dun amor que marchou. Texto moi do gusto de Feijoo pois espella “un deses momentos nos que xa tes o fío ben encetado, e non podes parar!, textos que saen de xeito moi visceral, sen case nin un borrancho, e máis nada que unha pequena acoutación: <<Eu queríaa [Chema, queríaa] máis có mundo enteiro…)>>.

         O meu agradecemento ao autor, unha vez máis, pola colaboración con esta bitácora.