Cuestionario Proust: Manuel Veiga

Manuel Veiga

1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tendo ao optimismo e non acostumo a precipitarme. Entre os defectos, ás veces teño unha forma prepotente de falar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor e a intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que se relacionen comigo cun mínimo de intensidade. Se lles apetece durmir que queden na casa. Eu procuro facer o mesmo.
4.– A súa principal eiva?
– No mental, teño pouca memoria e, para algunha cousa, son lento de reflexos; no físico gustaríame ser cinco centímetros máis alto e ter menos olleiras. No carácter, ás veces son algo soberbio. Antes podía ser tamén estúpidamente caprichoso se me levaban a contraria. Cando fixen os cincuenta pensei que xa era tempo de empezar a corrixirme.
5.– A súa ocupación favorita?
– Conversar cos amigos. Se non hai amigos, tomar o café e ler o xornal. Por suposto, se fose máis novo e non tivese colesterol, incluiría o sexo e a comida.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A saúde, obviamente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Hai tantas, pero non penso niso. O que teña que vir…
8.– Que lle gustaría ser?
– Iso si que é fácil: director de cine.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera lugar que non fose Galiza, polo menos durante unha ou varias temporadas, para descansar da presenza constante de galegos ao meu redor.
10.– A súa cor favorita?
– O azul. A miña nai sempre me dicía que era o que mellor me quedaba. En fin…
11. – A flor que máis lle gusta?
– A margarida. Outra reminiscencia infantil.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera normal e corrente que anda ao redor.
13.– A súa devoción na prosa?
– Nos últimos tempos, Bolaño e David Foster Wallace, por unha parte e Sebald, Magris e Calasso, por outra. Españois, Max Aub e Sender.
14.– E na poesía?
– A Antoloxía do Spoon River, algunha cousa de Celan, Rosalía por suposto, de España Miguel Hernández. Son máis de poemas soltos que de autores. Non leo moita poesía, aínda que non sei ben a razón. Penso ler máis no futuro.
15.-  Un libro?
– Por exemplo, Cinco días, cinco noites de Manuel Tiago (pseudónimo de Álvaro Cunhal). Unha pequena xoia que é case nosa.
16.– Un heroe de ficción?
– Os modelos xa están todos na cultura grega.
17.– Unha heroína?
– O mesmo.
18.– A súa música favorita?
– De América, Silvio Rodríguez e Carlos Gardel, de Europa, a clásica. De España, Los Chunguitos e “Como yo te amo” en versión de Niños Mutantes. De por aquí, Milladoiro e de máis abaixo José Afonso, a maiores do afecto que lle teño a Fuxan os Ventos.
19.– Na pintura?
– Caravaggio, que entre nós sería Carballo, e Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Un que é un héroe tráxico, como todos os héroes, pero non o podo dicir porque é políticamente incorrecto.
21.– O seu nome favorito?
– Beatriz Laura ou viceversa. Os dous xuntos. Chámase así a nai dun amigo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Que me repitan varias veces o mesmo, que me interrompan, que me conten o que viron na televisión.
23.– O que máis odia?
– Que unha persoa pretenda ir do que non é (algo no que, por certo, caen o 50% dos seres humanos). En plan circunstancial, o vento na cabeza, o ruído innecesario…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non desprezo a ninguén. Todas as figuras históricas teñen algo interesante. De calquera delas sería capaz de ler unha biografía.
25.– Un feito militar que admire?
– Respondo sen dubidar: A ofensiva do Tet (Vietnam, 1968). Gustaríame saber máis da batalla de Cuito Canavale na que cubanos e angoleños lle partiron o espiñazo ao exército racista de Sudáfrica. Admiro a loita da República española, pero resúltame aínda algo demasiado emotivo e difícil de soportar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Uf, o da pintura, o canto, a interpretación e de rapaz, ser un bo defensa central.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Non me gustaría pasar os derradeiros anos como un vexetal.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Activo e positivo. Creo que nunca dixen: “estoume aburrindo”.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os propios das clases baixas ou os de calquera persoa en situación desfavorábel.
30.– Un lema na súa vida?
-Un popular, Deus é bo, pero o demo non é mao. Resulta dunha ambivalencia moi enriquecedora. En Madrid non sei se o entenderían.