Historias de Radio Galicia, de Aser Álvarez

Aser Álvarez

Historias de Radio Galicia

Radio Galicia, Compostela, s/p, 2013.

 

O moito que me gustou este libro supoño que bebe da afección que o reseñista tivo e ten polo mundo da radio. Non resulta nada operativo nin preciso para unha valoración ou comentario literario coma este  pero a radio foi sempre e aínda é -con certeza algo nada exclusivo de quen escribe- o medio informativo, e nalgunha medida de lecer, que máis consumo e, dalgún xeito, que tamén sitúo entre os que máis aprecio. É de supor que isto explica ao tempo a miña fascinación por este libro de carácter tan singular.

    Por estas razóns supuxo unha ledicia que unha man amiga me fixese chegar este Historias de Radio Galicia, editado para celebrar os oitenta anos que o medio de comunicación vén de cumprir e que Aser Álvarez dispuxo con atención e moito traballo. Prologado por Iñaki Gabilondo, o libro contén, alén dun par de capítulos nos que remarca o papel da empresa na campaña polo Estatuto de Autonomía do ano trinta e seis e os primeiros anos da posguerra, máis de vinte de entrevistas a diversas persoas que fixeron, dalgún xeito, posible ese percorrido de oito décadas que hoxe en día  Radio Galicia simboliza.

    De Antón Fraguas a Borobó, dos irmáns Alvite a Santiago Davila, de Pili Pereira a Jesús Castelo, de Tareixa Navaza a Rodolfo Irago, de Javier del Pino a Joseba Larrañaga entre moitos outros e outras, son quen comparten, con fluidez e amenidade,  a súa memoria, as súas experiencias e vivencias desde as páxinas deste libro.  Mención especial merece, por certo, o corpus documental que este libro incorpora en forma cartas e valiosos textos de carácter histórico e de diversa orde, alén dun cuantioso número de fotografías que completa este libro e o converte unha auténtica alfaia. Por riba, particularmente, serviume para poñerlle o rostro a profesionais que oio con frecuencia e que admiro como Luís Pardo, Ricardo Rodríguez, Aida Bao, Aida Pena, Ainoha Apestegui, Xaime López, Águeda Penedo ou Luís Penedo entre outros. Un luxo, este Historias de Radio Galicia: por el reflíctense tamén oitenta anos da nosa historia, o que non é pouco.