«A formación do bo lector. Conversa con Xabier P. Docampo» (en Qué leer, nº 197, Letras galegas)

FALAMOS CUN AUTOR NA VANGARDA DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA. E, TRAS CASE UNHA DÉCADA, ESTA SECCIÓN DI ADEUS. ATÉ SEMPRE E GRAZAS POR COMPARTIR ESTA SINGRADURA.

Falar con Xabier P. DoCampo é sempre un pracer e resulta difícil non se deixar levar polo seu espléndido dominio do discurso oral, algo moi palpable na súa obra literaria, ou pola rotundidade dos argumentos que manexa para dialogar sobre a súa obra, a literatura ou a lingua galega. Autor de longa e premiada traxectoria (en 1995 foille concedido o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pola noite), presenta agora un suxestivo título baixo o título d´A illa de todas as illas, mentres os seus compañeiros e compañeiras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega artellan, para o mes de xuño, unha homenaxe ao seu percorrido literario baixo o título de “O escritor na súa Terra”.

-Que cambiou na LIX galega dende os seus inicios como narrador?
– A LIX en Galicia é un fenómeno literario que se inicia como tal ao comezo dos anos oitenta. Nese tempo comezamos a publicar unha serie de escritores e escritoras da miña xeración, e facémolo como resposta á carencia de obras na nosa lingua que se poidan propoñer como lectura nas aulas. Esta necesidade continúa, pero superouse a urxencia daquel momento.

– Sempre conxugou, na súa obra, a calidade literaria co interese argumental…
– É certo que se trata de contar historias, pero a literatura faise na linguaxe, ela é quen xera o elemento artístico da obra. Importan as historias, pero máis importa contalas ben, conxugar eficacia narrativa e beleza literaria. 

– A súa última obra: A illa… , é unha homenaxe indubidable á mellor literatura….
– É o meu tributo á literatura que nos converteu en lectores, a aquelas obras que na infancia e adolescencia, debuxaron na nosa alma o mapa do arquipélago onde habitan as palabras. Mais tamén é un libro sobre a lectura. Ler é unha aventura, a de buscar en cada libro o que nos di de nós mesmos. É un camiño de formación do individuo, porque lle vai dicindo de si e da súa relación co mundo. Eu non nego o que a lectura ten de pasatempo, esa é unha forma de ler, pero non a única, porque hai esoutra: a de saber de min. Esa é a que eu quero para a LIX, xa que a ela, sempre que sexamos esixentes coa súa calidade literaria, está encomendada a formación do lector literario. A LIX fai lectores, pero máis debe facer bos lectores.

– Como acolle o recoñecemento próximo que lle tributan dende a AELG?
– Estas cousas hai que acollelas sempre como algo que nace no cariño e na xenerosidade dos que deciden que sucedan. Eu recíboo con agradecemento a esas persoas e a todas cantas se alegran de que isto aconteza.

– A súa loita pola defensa do idioma galego é insubornable. Que é o máis necesario hoxe para asegurar a súa continuidade?
– Se a alguén, individuo ou pobo, o despoxan da súa lingua aniquilan a súa capacidade de recoñecerse no mundo e na historia. Xa sempre vagará como un ser adimensional. Todos os idiomas son igual de importantes, de grandes e, mesmo, de extensos, porque todos chegan aos confíns das persoas que os falan e os entenden, e os confíns da alma están alá onde o universo se curva e se fai infinito. Tan difícil é de entender que somos galegos porque falamos galego?

– E para aumentar a base lectora?
– Os lectores e lectoras fanse na escola. A educación debe consistir en ler e escribir (e despois todo o demais, pero despois). En aprender a facelo con criterio persoal, pero harmónico coa historia. Ler axúdanos a facernos sabios e o ser humano naceu destinado ao saber.

Esta entrevista publicouse, na sección “Letras galegas” da revista Qué leer (nº 197). Reproduzo aquí a súa versión íntegra en lingua galega.