Hai case dez anos recibín unha chamada telefónica de Toni Iturbe, director de Qué leer, quen me convidaba a través dun amigo común como é Tucho Calvo, a incorporarme á nómina de colaboradores externos da revista, concretamente para os contidos da sección de “Letras gallegas”, que levaba un tempo sen ningún responsable. Desde aquela, por volta do ano 2005 até hoxe, alá foron cen colaboracións nas que o obxectivo era, mes a mes, elaborar unha breve crónica do máis salientable que acontecera no panorama literario galego e, nos últimos tempos, espellar un breve diálogo con escritoras e escritores de noso baixo a vontade de contribuír á súa visibilización diante dun público receptor da revista moi heteroxéneo e que demandaba información literaria e cultural. Sempre agradecín que desde a dirección se pensase que non todo era literatura de expresión en castelán e que a literatura en catalán, éuscaro e galego tamén existía. Gustábame moito que se defendese esa postura.
A miña relación con Qué leer, revista que sufriu duros golpes nos últimos anos derivados da situación económica, conclúe por esta mesma razón con este número 197. Eu só podo dar as grazas pola singradura compartida, en especial a Toni Iturbe e Milo J. Krmpotić , pola amizade e a profesionalidade que sempre demostraron e demostran. Non esquezo as persoas que sempre me atenderon con amabilidade e espírito colaborador cando lles reclamei uns minutos do seu tempo; tampouco ás casas editoras ás que lles solicitei unha foto, un dato, un libro… Por suposto grazas ás persoas que sostiñan a revista mercándoa e lendo os seus contidos, algo que agardo sigan a facer como eu tamén farei. Sorte para a revista, sorte Toni e Milo.