Inma López Silva
Ed. Galaxia, Vigo, 172 páxinas, 16 €
SUBTITULADA COMO “O EMBARAZO DA ESCRITORA PRIMÍPARA” A OBRA DE INMA LÓPEZ SILVA DEIXA CONSTANCIA DUN FEIXE DE REFLEXIÓNS E EXPERIENCIAS, DE MOI VARIADA ORDE, QUE DÍA A DÍA NESES NOVE MESES LLE TOCOU VIVIR
Non son habituais, sexa cal for o xénero de que se trate, os libros que reflexionan sobre a experiencia da maternidade ou da paternidade. Por aí xa transitaron voces como as de Xela Arias, Henrique Alvarellos, X. M. Eyré ou Gemma Sesar desde diferentes ángulos e perspectivas mais incidindo, en todos os casos, no que a chegada dun fillo ou filla supón para o pai ou a nai, mais tamén para as contornas familiares e os ámbitos laborais.
Nesta ocasión adóptase o recurso ao diario que resulta operativo, cando menos en aparencia, para que o comentario ou a reflexión posúa viveza e amenidade ao fío do acontecemento ou experiencia puntual, o que tamén outorga heteroxeneidade e fluidez ao discurso narrativo. A autora, así pois, e facendo exhibición, se cadra máis que nunca, tanto de altas doses de ironía e franqueza, como dunha linguaxe moi directa, peneira o seu mundo cotián, deixa testemuña das modificacións, e non só fisiolóxicas, que o embarazo carrexa, mais tamén das súas opinións, polo xeral ben desmitificadoras, que cuestionan moitos dos elementos, por veces verdadeiros lugares comúns, que pairan arredor, por exemplo, do instinto maternal ou do concepto de “nai abnegada”. Espazo hai tamén para deterse na dinámica das probas médicas, no consumo neste período, na lactación materna, no que inflúen as crenzas relixiosas ou na educación política.
Velaquí un libro cruzado polas sospeitas, conxecturas, angustias e dúbidas, mais tamén cheo de esperanza e optimismo. Malós Cabrera, nun atinado e moi recomendable prólogo, define a obra como a “máis persoal e íntima” da autora. Non teño dúbida de que así é.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 4 de abril de 2014, baixo o título de “Diario da nova vida”.