Cuestionario Proust: Rosalía Fernández Rial

Rosalía Fernández Rial

1.– Principal trazo do seu carácter?
-A abstracción. Así, sen concretar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A Honradez, en especial na modalidade de impulso irreprimible.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que sexan como son. Mais, postos a pedir, “Amor” (a poder ser, platónico).
4.– A súa principal eiva?
-Pisar ás miñas parellas de tango. Coa muiñeira, o rock ou a salsa non me pasa (aclároo por se alguén que nos estea lendo me quere sacar a bailar).  En calquera caso, esa debe ser unha eiva secundaria. A principal penso que é a dúbida perpetua, mais non estou moi segura.
5.– A súa ocupación favorita?
-A ningunha actividade que me entusiasme lle chamaría “ocupación”.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ser Feliz.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Aquela que tivera menos graza.
8.– Que lle gustaría ser?
-Un personaxe de ficción.
9.– En que país desexaría vivir?
-En Fantasía. E, de non ser posible, no das Marabillas.
10.– A súa cor favorita?
-A da Utopía.
11. – A flor que máis lle gusta?
-A das “cen follas”.
12.– O paxaro que prefire?
-A Ave Fénix.
13.– A súa devoción na prosa?
-Ser moi devota duns poucos magos. E, logo, deixarme sorprender.
14.– E na poesía?
-Aínda máis.
15.- Un libro?
-Si, por favor. Grazas.
16.– Un heroe de ficción?
-Robin Hood existiu?
17.– Unha heroína?
-A de Trainspotting parece boa.
18.– A súa música favorita?
-Sempre depende do momento.
19.– Na pintura?
-Tamén.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Mataríame se revelase a súa identidade.
21.– O seu nome favorito?
-O dese/a heroe/heroína real.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-O de copiar e pegar sen citar.
23.– O que máis odia?
-Que o ser humano sexa capaz de odiar.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-A de quen coartou a liberdade, en calquera das súas formas.
25.– Un feito militar que admire?
-O dos Jedis contra os Siths, son os únicos exércitos nos que creo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-O das ilusionistas.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-En escena, tras a mellor función da miña vida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O onirismo con alucinacións.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os infantís. As cativas e cativos poden “facer de min un pandeiro”, expresión moi de Celso Emilio –de quen, si, son devota-.
30.– Un lema na súa vida?
-Miña avoa materna, Lema Touriñán.