Manuscrito: Eli Ríos

Estes días que corren está Eli Ríos de actualidade tanto por ser autora do poemario María, hai pouco presentado en Compostela e que foi galardoado no Premio de poesía O figurante edicións, como pola concesión do Manuel Lueiro Rey de Poesía na súa segunda edición -galardón que organiza o concello de Fornelos e mais a Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe- polo poemario Anamnese que, en breve, editará Sotelo Blanco.

       Deste xeito visita hoxe esta bitácora Eli Ríos, de quen gusto de salientar o intenso traballo interpretativo que leva a cabo desde a plataforma de crítica feminista A sega,  cunha mostra manuscrita de diversas composicións, precisamente do poemario María, e que posúe o valor engadido de incorporar o xogo cabalístico que goberna a totalidade do libro. En puridade non resulta unha primeira versión escrita mais si o que a autora denomina como uns “cálculos”, realizados caligraficamente dun xeito fortuíto e inusual, pero moi operativos para esta sección.

      Agradezo a cesión deste manuscrito. O poemario Maria, e as consideracións que me mereceu, tamén chegarán por aquí nuns días.

2 Comments

Os comentarios están pechados.