Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, de Baldo Ramos e Carlos González Villar

Baldo Ramos e Carlos González Villar

Onde beben os cervos que amansou o calígrafo

Deputación de Ourense, Ourense, s/p, 2013.

 

Como unha festa para os sentidos entendo este proxecto que responde á exposición que se pode visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense até finais deste mes de abril.  Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, de Baldo Ramos e Carlos González Villar, resulta unha experiencia gozosa que articula un suxestivo encontro artístico entre caligrafía, gravados e poesía. 

     No comezo do catálogo expositivo, que incorpora como galano cinco composicións inéditas de Baldo Ramos, dáse conta do encontro, en primeira instancia fortuíto, que o poeta de Celanova experimenta co traballo de González Villar, xermolo dunha iniciativa que exhíbe un común traballo artístico envexable e que amosa unha edición artesanal dos autores, composta por vinte e cinco exemplares únicos que incorporan os devanditos cinco poemas, autografados parcialmente, e mais cinco gravados de González Villar, realizados sobre pranchas de zinc e estampados polo artista no seu obradoiro ourensán, onde non é difícil advertir tanto as confluencias como o diálogo interartístico e mais a empatía xerada entre os dous creadores.

      Bebe, sen dúbida, este proxecto dunhas raigames comúns que asoman con forza de seu ao pouco que un se asome tanto ao catálogo expositivo como á propia exposición, composta por máis de medio cento de obras pictóricas e gravados dos dous autores, revelándose con forza propia ese espello simbólico que latexa na concepción da exposición e que retrata os ecos do mundo rural ourensán case desaparecido. Parabéns pola iniciativa, á que lle desexo a maior das sortes posibles.