Historia das mulleres galegas. Das marchas nómades á Marcha Mundial das Mulleres
Baía Edicións, A Coruña, 96 páxinas, 11,o6 €
Non resulta nada difícil nin improbable afirmar que este novo libro de Pepe Carreiro, que se vén engadir con fortuna ás ben coñecidas propostas que baixo o título de Historia da Lingua e Historia de Galicia sitúase en idéntico camiño destes dous títulos devanditos, isto é, converterse nunha inmellorable ferramenta didáctica, e non só, para a aprendizaxe e o coñecemento de aspectos vinculados coa nosa lingua e mais coa nosa historia.
Cun esquema semellante, que compaxina banda deseñada e textos breves, estes de carácter reflexivo mais marcado polos principios da sinxeleza, a ironía e mais a suxestión para abrir novos focos de interese tras a lectura, aparece este Historia das mulleres galegas. Das marchas nómades á Marcha Mundial das Mulleres que se achega, cun tratamento de “parodia histórica” tal e como o autor o denomina, ás vivencias, case sempre colectivas, que protagonizaron mulleres do común e que sostiveron, desde o anonimato ao que as condenou e condena a historia, o mundo tal e como o coñecemos.
Particularmente paréceme un acerto este libro. Tanto o discurso textual como o visual póñense, con efectividade, ao servizo do coñecemento e a difusión de valores e contidos que cómpre, cada día máis, espallar, defender e contaxiar, mesmo con entusiasmo, o mesmo entusiasmo co que recomendo este libro.