Cuestionario Proust: María Solar

 María Solar

1.– Principal trazo do seu carácter?
– A ilusión polos proxectos, os traballos, as persoas. Son positiva e intento non deixarme arrastrar polo “lado escuro” do mundo. Gusto da luz.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade. Aprecio que me digan a verdade aínda que doa, é a única maneira de avanzar.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que estean sempre aí e que mo fagan saber.
4.– A súa principal eiva?
– Son moi esixente comigo e cos demais.
5.– A súa ocupación favorita?
– Teño a sorte de ter un traballo que se sabes aproveitar ocasiona moitos momentos fermosos, de aprendizaxe, de coñecer xente, e vivir situacións privilexiadas. Cando é así é unha ocupación marabillosa, como escribir. E xunto a iso encántame ocuparme simplemente de gozar da vida.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir intensamente, non deixar pasar as horas sen máis. Son moi consciente de que o tempo que temos é limitado así que tento gozar das cousas desde xogar cos fillos, ata conversar con quen ten algo que contar e por suposto, e moi especialmente, do amor. Son unha buscadora nata de momentos felices compartidos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dor dos que amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Son feliz co que son e con quen son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste.
10.– A súa cor favorita?
– O negro que absorbe as lonxitudes de onda de todas as cores. Ou sexa que dalgunha maneira as ten todas.
11. – A flor que máis lle gusta?
– As que atopas camiñando e están aí como un agasallo.
12.– O paxaro que prefire?
– Gústanme as curuxas, sempre as tiven por listas. E son femininas ata os machos. Non hai “curuxos”.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non teño mitos, nin son devota de ninguén, creo que cada libro ten o seu momento na vida e incluso unha lectura diferente. Borges vale case sempre.
14.– E na poesía?
– Na poesía pásame exactamente o mesmo, incluso máis, gústame moito a poesía dalgunhas mulleres como Berta Dávila ou Olga Novo, pero podo quedar días refuxiada nun poema dun clásico.
15.- Un libro?
– O dicionario da Real Academia Galega, imprescindible.
16.– Un heroe de ficción?
– “Mazinger Z” teño unha fixación con el porque de pequena cando xogabamos nunca podía ser Mazinger, sempre tiña que ser “Afrodita A” porque era unha nena.
17.– Unha heroína?
– “Tormenta” unha mutante poderosa e intelixente dos X-men. “Afrodita A” está moi limitada nas armas só ten o “pechos fuera”. Pero insisto en que sempre elixiría un superheroe, en xeral vailles mellor.
18.– A súa música favorita?
– Non me chegaba o día para apuntala. A música é imprescindible para min. Encántame descubrir cousas novas. E nos que están sempre pode ir dos Holywater, ou Narf por aquí aos Red Hot Chili Peppers por alá.
19.– Na pintura?
– Calquera que non me sexa indiferente. Non teño pintores favoritos, teño obras favoritas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, que viviu nunha época na que se lle negaron moitas cousas e foron auténticos heroes diarios.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara, o da miña filla.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non soporto a quen non fai o seu traballo.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza, a calquera escala. Que fagan mal a alguén.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todas as que teñen as mans manchadas de sangue.
25.– Un feito militar que admire?
– A toma e posterior liberación de Perejil. Estás de coña, non Ramón?
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A ubicuidade, facilitaria moito ser muller.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Nos brazos do meu amor e sabendo que marcho. Aí acubillada como se fora durmir.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un estado de ánimo animoso. Son alegre por natureza e por autoconvencemento de que é a mellor maneira de vivir a vida.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que se derivan da ignorancia non buscada.
30.– Un lema na súa vida?
– Todo é posible… por intentalo non vai quedar.

1 Comment

Os comentarios están pechados.