Cuestionario Proust: Aser Álvarez

Aser Álvarez

1.– Principal trazo do seu carácter?
-A paixón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A xenerosidade e a intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Amizade verdadeira, claro.
4.– A súa principal eiva
-A dispersión.
5.–A súa ocupación favorita?
-O xornalismo e o audiovisual.
6.– O seu ideal de felicidade?
-A felicidade non existe, confórmome co algo de saúde, paixón pola vida, amor e ledicia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-A morte dun fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
-Canteiro ou cociñeiro.
9.– En que país desexaría vivir?
-Nunha Galicia que soubera desenvolver todo o seu potencial.
10.– A súa cor favorita?
-Os azuis do Atlántico.
11. – A flor que máis lle gusta?
-A do toxo e as da matogueira.
12.– O paxaro que prefire?
-O miñato.
13.– A súa devoción na prosa?
-Joyce.
14.– E na poesía?
-Ferrín.
15.- Un libro?
La vuelta al día en ochenta mundos.
16.– Un heroe de ficción?
-Peter Pan.
17.– Unha heroína?
-Alicia.
18.– A súa música favorita?
-A boa, dende o barroco ao rap.
19.– Na pintura?
-Tamén a boa, dende as cavernas até o pop art.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-O heroe máis real co que me relaciono é Prisciliano.
21.– O seu nome favorito?
-María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A falsidade.
23.– O que máis odia?
-A intolerancia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Algún mequetrefe politiqueiro que non merece ser figura histórica nin mesmo ser mencionado eiquí.
25.– Un feito militar que admire?
-Non dou feito.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Os da don-icela saxofonista.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-A min non me gustaría morrer porque teño moitas cousas que facer aínda, e a vostede?
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O argallante aberto.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os dos meus tesouros e mesmo os meus, que son moitos de dios.
30.– Un lema na súa vida?
-Quédome con ese “o lume que alampea xamais o veredes morto” do epitafio de Celso Emilio Ferreiro ou cun simple fagamos o que poidamos.