Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros, de María Xosé Queizán

María Xosé Queizán

Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros (ilustracións de Ana Santiso)

Xerais, Vigo, 112 páxinas, 11 €

 

Nunha conversa informal, un compañeiro de promoción coincidía comigo no escasamente instruídos que fomos, desde o punto de vista académico, nos valores posibles e reais que atesouraba unha figura como Emilia Pardo Bazán. Desvelárasenos, tan só, a presenza dunha literata enfrontada coas grandes figuras do Rexurdimento, cuxa escolla lingüística evidenciaba de seu un posicionamento ideolóxico, nalgunha medida político tamén, exhibindo un tratamento de temáticas vinculadas co devalar da fidalguía galega moi parciais e escorando a extremos que resolvería anos despois con outra practicidade para a literatura galega, tamén para o nacionalismo galego, un autor como Ramón Otero Pedrayo. Ocultábasenos, daquela, unha Pardo Bazán que, o que son as cousas, expón con sinxeleza e axilidade María Xosé Queizán nun libriño titulado Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros e que sería unha mágoa que pasase desapercibido.

   Queizán, así pois, turra por amosar unha Pardo Bazán como escritora profesional e como activa precursora do feminismo, trazando ao tempo un contexto socio-histórico e político do tempo que lle tocou vivir que, ao meu xuízo, ofrece unha magnífica rendibilidade didáctica para logo se debruzar nun perfil vital e literario da autora de Los pazos de Ulloa, marcado polo sintetismo, a fluidez e, sen dúbida, o acerto sobre todo ao achegarse ás dificultades que tivo que arrostrar pola procura teimosa dun cuarto propio, desde o que desenvolver tanto a súa propia vida como a práctica da súa profesión, abrazando e pondo en práctica dese xeito moitos elementos que hoxe consideramos alicerces da causa e a teoría feminista.

   Un conxunto de textos de Pardo Bazán incorporados no epílogo do libro resultan tamén, inequivocamente, unha invitación para entrar, ou volver entrar, no seu mundo literario: intenso, transparente, cheo de forza e rotundidade. Este volume, malia a súa discreción, pode ser un primeiro paso para comezar a ver as cousas doutra maneira, para reformularse algúns extremos que perduran coma se fosen verdades inmutábeis. Oxalá así sexa.