Propostas con premio: "Ícaro", de Federico Delicado

Inaugúrase hoxe unha nova sección do Caderno da crítica, baixo o epígrafe de “Propostas con premio”, incorporándose  cando a ocasión o requira. O seu obxectivo será o de dar conta das primeiras impresións de autoras e autores que acadan algún dos galardóns literarios entre aqueles máis salientables dos organizados en Galicia, cuxa proposta premiada verá a luz en lingua galega. Este é o caso de Federico Delicado, que hai poucos días conseguiu, con  Ícaro, o VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, dotado con 9.000 euros e coa publicación nas cinco linguas peninsulares no vindeiro mes de outubro. O xurado, conformado por  João Vaz de Carvalho, Fina Casalderrey, Ángeles Abelleira, Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka, o xefe do Departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e a concelleira de Educación, María Castelao, distinguírono entre un total de 255 traballos que chegaron de 21 países.

-Na súa longa traxectoria profesional, que supón alcanzar o premio “Compostela”?
-Pois é unha grande alegría pensar que outros, neste caso un xurado, se sentiron concernidos polo traballo que lles mostro e pensasen que, asemade, podería interesar ao publico receptor. Isto prodúceme unha grande emoción por afinidade e gratitude.

-Que se rescata na súa proposta da historia mitolóxica?
-Ben, o pai do meu personaxe non é Dédalo, pero polo que nos conta o pequeno si poderiamos pensar que, ao seu xeito, o seu pai alentou nel devezos de voar.
Algo do prodixio dos mitos hai nesta historia, porque converte persoas comúns en seres extraordinarios.  Por outro lado dise que os mitos son narracións fundamentais, porque responden ás cuestións básicas da existencia. Os personaxes deste conto móvense nun nivel moi básico da existencia, non obstante non perden a nobreza, a liñaxe, ou os sonos. Niso si son heroes case míticos. Un pobo, unha sociedade québrase como unha árbore podrecida ao crer que o que lle amosan é o único que hai.

-O xurado destacou que  a súa obra é “para pensar e sentir”. Así o percibe vostede?
-Non se me ocorre nada que non faga pensar ou sentir nalgún grao de variedade e intensidade. Eu interpreto que o xurado se refire ao trasfondo que puideron enxergar neste relato ou nestes debuxos; algo que non está explícito na superficie da narración, pero que logo aflora. Hai en todo e en todos unha imaxinación formal que se move no visible, e unha imaxinación material que vive no invisible. Ás veces formulamos propostas sen apelar á imaxinación material.

– Tamén se sinalou que resulta operativo para “espertar as conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez”. Algo talvez máis necesario hoxe que nunca?
-Non sei, eu non o pretendín. A historia presentóuseme e serviuse de min para manifestarse. Eu só estiven atento. E teño a sensación de que o que non se di, o que non quixen dicir, constitúe o seu núcleo. Pero iso é asunto do lector.

Igualmente destacouse que Ícaro avanza sementando dúbidas entre os límites da realidade e fantasía…
– A Realidade é un conto e inventamos iso da fantasía como ferramenta para que poidamos explicarnos que demos facemos todos dentro desa fábula.
En Ícaro, o personaxe constrúe o seu mundo coa ferramenta da linguaxe, e nel toma as decisións que lle competen.

– Hai tamén unha homenaxe de Kafka e Hopper?
– Nun texto no que a transformación e a metamorfose marcan a peripecia, apareceu a referencia a Kafka na pasaxe da tía Gregoria convertida en insecto.
Tamén Hopper estivo presente. As súas pinturas sempre me impresionaron porque desvela os escenarios diso que nomeabamos Realidade. Un gran decorado.  De modo que si, dun xeito ou outro andan por aí.

– Vostede escribiu : “Debuxar é como respirar, como falar cos dedos, como pensar cos ollos. Facelo cos ollos pechados é debuxar dúas veces: un debuxo luminoso na escuridade e outro escuro na luz”. Ícaro debuxouse cos ollos pechados talvez?
-Non, os ollos estaban ben abertos, porque sen lentes son como un peixe abisal, pero si lle podo dicir que busquei os invisibles.