Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde

Mercedes Leobalde

Chamádeme Eva

Caldeirón-Concello de Malpica, Malpica, 2013, 68 páxinas.

Aparece en escena -literaria- Mercedes Leobalde e faino con forza e, inequívocamente, con fortuna, aínda que esta tamén haxa que procurala. Á recente concesión do premio Ánxel Fole de narrativa que galardoou o seu Funambulistas súmouselle, a finais do ano pasado, o poemario Chamádeme Eva, que acadou a sétima convocatoria do premio de poesía erótica Illas Sisargas.

       Leobalde desvela as intencións do poemario deste o propio título. Apélase a  “Eva”, símbolo que  dalgún xeito magmatiza o libro e que se converte no ronsel polo que se transita, ás veces cunha escuma luminosa e escintilante e outras atoldada, sempre para abranguer á totalidade das mulleres, non a unha soa. Eva resulta operativa, así pois, para erixir un discurso particular, pois a historia que se desenvolve é única, mais ao tempo proxectada nas cargas herdadas da figura bíblica, da primeira muller con permiso de Lilith, obxecto das iras ao xulgarse, coa severidade coñecida, o seu comportamento na tradición xudaico-cristiá. Eva é un corpo, daquela, mais tamén é todos os corpos.

     Mais non se vexa aquí un libro marcado pola ira pois nada diso hai na concepción do poemario a non ser nalgunhas estremas do mesmo. Antes ben, o libro estrutúrase en catro partes ben diferenciadas, unidas por una liña común que vén sendo a presenza dun discurso marcadamente narrativo que oscila entre unha maior presenza do amor e o erótico nas dúas primeiras partes, socalcos moi ricos e plurais ao incorporaren rexistros expresivos de distinta orde. Compleméntase todo nas dúas derradeiras seccións co devalar e conclusión  desa historia de amor, que adquire outras tonalidades máis escuras, suscitándose aquí máis claramente unha diáfana lectura política pois dos camiños que recrean o gozo reflectido nos primeiros poemas conclúese cun final rotundo, que non dubido ao adxectivalo como estremecedor, esencializado nun texto de carácter epilogal.

      Unha fortuna ler un poemario como este de Mercedes Leobalde. Parabéns á autora e ao xurado que escolleu un moi digno texto que se engrosa á xa vizosa serie dun premio asentado e de referencia o como Illas Sisargas.