Coa "causa Lueiro" en Fornelos

Foi un pracer participar hoxe na entrega da segunda convocatoria do premio Manuel Lueiro Rey de poesía que organiza o Concello de Fornelos de Montes e a A.V. O Cruceiro da Laxe e que publica Sotelo Blanco. Aproveitouse a ocasión para que o concello honrase a memoria de Lueiro ao descubrir un monólito que inaugura unha avenida do concello co nome do autor d´O sol na crista do galo.

     Unha fortuna, asemade, participar nun acto fantástico no que falou, en nome do xurado, Mercedes Queixas para logo agradecer a concesión do galardón Eli Ríos, gañadora do premio nesta convocatoria co poemario Anamnese, que precedeu a unha infrecuente e arrebatadora intervención das poetas Silvia Penas e Elvira Riveiro. As palabras de Xesús Alonso Montero puxeron o ramo a unha mañá de domingo fantástica e memorable, non teño dúbida, que segue arroupando e agarimando esta “causa Lueiro”. Beizón a quen o fixeron posible.