Fóra de Portas, de Roi Vidal Ponte

Roi Vidal Ponte

Fóra de Portas

Edicións Positivas, Compostela, 170 páxinas, 15 €

“PASEO LIBRE E NON MOI RESPECTUOSO POLOS TEMPOS E LUGARES DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO”, ASÍ REZA O SUBTÍTULO DUNHA AGARDADA, CLARIFICADORA E PRECISA PROPOSTA NUCLEADA NO DEVALAR LITERARIO E VITAL DRAMATURGO COMPOSTELÁN.

 

         Cómpre saudar con entusiasmo esta  biografía realizada sobre Vidal Bolaño pois asume o que un texto deste tipo demanda tras acumular a información: seleccionar o relevante, cotexar os datos e, sobre todo, ordenar e redactar un texto lexible e atractivo. De todo isto conta na súa xusta medida Fóra de Portas, converténdose nunha proposta modélica e inusual entre nós, tanto polo mérito que supón sintetizar os vizosos perfís do dramaturgo compostelán en cento cincuenta páxinas como pola axilidade e viveza narrativa que se lle imprimiu ao traballo ao incorporar un recurso ficcional que tan bos resultados ofrece como son os diferentes puntos de vista entretecidos con referentes suxestivos de Vidal Bolaño: o célebre nariz de pallaso, o seu chapeu característico, unha furgoneta, o monte Pedroso ou a catedral compostelá entre outros.

       O resultado é, ao meu ver, espléndido e converte este volume nunha das achegas biográficas de referencia entre as publicadas nos últimos tempos. Lonxe de caer nunha haxiografía, non só se percorren os aspectos máis íntimos do ser humano nin se retrata con acerto o tempo que viviu senón que se atende criticamente á monumental obra dramatúrxica que deixou, reparando no que esta supuxo no seu momento, en cales foron as súas claves e nas tensións que xerou, alén de subliñar o verdadeiro alcance do seu compromiso.

         Asomarse a estas páxinas hoxe supón, ao meu ver, un impagable exercicio de aprendizaxe e de profilaxe mental. Fica claro tamén o que  alguén de “Fóra de portas”, do barrio de Vista Alegre, foi quen de facer, foi quen de arrostrar.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 25 de abril de 2014 baixo o título de “Vizosa biografía”.