Con Ledicia Costas e Recinto Gris no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro

Visitou onte o Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” do IES Valadares a escritora Ledicia Costas e superou, ao meu ver, todas as expectativas que as persoas que integran o Club depositaramos no encontro propiciado pola lectura da súa última novela: Recinto Gris.

            Tras unhas palabras da autora que se referiron á xénese da súa proposta narrativa e ás claves que explican que nela latexe unha recreación dun holocausto nun ámbito moi concreto que resulta ser un trasunto da cidade de Vigo, moi pronto xurdiu unha enxurrada de preguntas nucleadas arredor de cuestións suscitadas en Recinto Gris como a presenza de elementos fantásticos nas súas páxinas, as orixes do deseño dalgúns personaxes e, especialmente, as causas da querenza indisimulada por reflectir realidades de persoas adxectivadas como “diferentes” ou situacións sociais conflitivas, alén de reparar na expresiva cuberta de Antonio Seijas. Mais tamén agromaron outros asuntos que beirean a dimensión creativa como a harmonización do proceso da escrita con outros labores profesionais, as influencias e devocións literarias ou que é  a escrita proporciona para a autora.

               Quedo con dúas aseveracións que explican a filosofía que paira na súa obra: “reler, tachar, refacer” como máxima creativa para asediar así “un quebracabezas que cómpre armar”. Grazas a Ledicia Costas pola súa visita!