Como un agasallo recibín a fantástica noticia da concesión do premio Trasalba a Agustín Fernández Paz. Ao respecto apuntei nun chío que a escolla do escritor vilalbés, ademais dun acerto, supón que o propio galardón se honra a si mesmo. E hónrase pois é de xustiza recoñecer unha traxectoria extraordinaria no ámbito da literatura, do ensaio, didáctica, da docencia e, sen dúbida, do amor insubornable á lingua galega. Por se fose pouco se quen vai recibir o galardón o derradeiro domingo de xuño na Casa Grande de Cimadevila, cunha laudatio de Francisco Castro, é un ser humano cunhas cualidades infrecuentes pois non hai máis palabras para expresar a miña alegría. Alí estaremos, con Agustín, se nada pasa.
Mais hoxe quería falar de dous agasallos máis. Un recibido hai algún tempo e outro onte mesmo. Ambos os dous amosan o agarimo inmerecido tanto dunha escritora da que son devoto seguidor como Marica Campo como dun ilustrador que moito admiro e que se chama Xosé Cobas. Da primeira recibín unha edición que conmemoraba a concesión da Letra E da AELG en xuño de 2013: unha orixinal proposta numerada e encadernada artesanalmente cun gravado de Inés Pallares, editada e impresa por Inés de Castro en Lugo. O libro de artista contén ese marabilloso canto titulado “Val do Mao”, incluído orixinariamente no libro de poemas Tras as portas do rostro: unha composición que estremece, e de maneira distinta, a cada lectura. Grazas, Marica.
E para completar o día Xosé Cobas faime chegar un galano inesperado que atesoura as claves do seu traballo artística, que moito me gusta e que agradezo pola súa xenerosidade. Desde hoxe nun sitio especial canda min. Beizón.