Recinto Gris, de Ledicia Costas

Ledicia Costas

Recinto Gris (cuberta de Antonio Seijas)

Xerais, Vigo, 160 páxinas, 11,60  €

AO ABEIRO DA COLECCIÓN XUVENIL “FÓRA DE XOGO” A ESCRITORA VIGUESA LEDICIA COSTAS FORMULA UNHA INTENSA NARRACIÓN QUE AFONDA NALGUNHAS DAS CONSECUENCIAS DUNHA SOCIEDADE MARCADA POLA UNIFORMIZACIÓN E A TIRANÍA

Non resulta doado manexarse con solvencia polos eidos da literatura “belixerante” –permítaseme recuperar o termo-, co obxectivo posto na denuncia dos totalitarismos, adopten estes a forma que sexa, e facelo da man dunha sólida defensa do que significan os conceptos da diferenza e da liberdade persoal e colectiva, trazando ao mesmo tempo unha metáfora contra os holocaustos. Aínda o é menos se, nun principio, o espectro a quen se destina o libro está conformado por un público xuvenil. E sae airosa desta encrucillada Ledicia Costas, talvez porque a experiencia das súas dúas anteriores novelas en solitario –Unha estrela no vento e mais sobre todo o galardoado O corazón de Xúpiter– marcaron certo camiño.

Recinto gris, así pois, introdúcenos no universo dunha posible distopía, que incorpora os máis dos elementos que delimitan o xénero, abríndose tamén a outras posibilidades como resulta a introdución de elementos de filiación fantástica, sobre todo á conclusión da novela. Mais esa complicidade, ese pacto non asinado que se propón a quen se achegue á novela, sexa esta da idade que for, sostense ao meu ver mercé á verosimilitude que descansa tanto na descrición minuciosa duns espazos asfixiantes ao que se guinda un grupo de persoas como na súa configuración, exhibindo uns perfís sociais que non encaixan no que ditamina unha sociedade uniformizadora e totalitaria. Estas sométense á destrución da súa propia identidade, desposúense do pasado e da memoria e fican e sen expectativas de futuro. Visibilizar estas ameazas, proxectalas ao presente e facelo de maneira coherente ten o seu mérito.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 2 de maio de 2014, baixo o título de “Un apólogo efectivo”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.