Propostas con premio: «Dos días escuros», de María Carmen Caramés Gorgal

Continúa a súa andaina esta nova sección na pretenden desvelar algunhas claves que atesouren  libros galardoados hai pouco tempo e  que aparecerán publicados en diversas editoriais galegas nun prazo próximo. Hoxe achégase aquí María Carmen Caramés Gorgal que resultou gañadora na XVII edición do premio Johán Carballeira, organizado polo Concello de Bueu, co seu libro Dos días escuros e que publicará Xerais. O xurado estivo presidido por Marta Dacosta, gañadora da anterior edición, e composto por  Miriam Ferradáns, Alberte Momán e Xabier Framil.

Posúe unha traxectoria literaria marcada por conseguir numerosos premios literarios. Unha opción para publicar?
– A primeira vez que me presentei a un certame buscaba o recoñecemento de alguén (que non fosen amizades e familiares) que me indicase que o que eu escribía tiña algún valor literario. Saíume ben e iso animoume a seguir probando sorte. O que máis me satisface dos premios é, sen dúbida, o feito de que xente de moi recoñecido prestixio no ámbito literario, como é a que adoita formar parte dos xurados, considere que eu teño algo que achegar e, certamente, tamén é a opción para autores e autoras descoñecidos coma min poidamos publicar pois é difícil que as editoras aposten por nós.

Cuarto minguante, premiado no II Certame de Poesía Victoriano Taibo, considerouse como un libro de poesía emotivo e sincero e foi o seu primeiro libro publicado independentemente: como valora aquela publicación?
– É, e creo que sempre será, o meu poemario máis especial. Apenoume o feito de que non se puidese publicar na súa totalidade porque un terzo do mesmo (“No nome da nai”) xa fora premiado no certame Manuel Orestes de Paradela e non o puidera incluír no Victoriano Taibo, pero ter ese pequeno libro nas mans foi realmente moi emocionante polo que significaba a nivel persoal. Agardo que algún día poida ser reeditado na súa totalidade.

– Alterna a creación en poesía e prosa. De que se deriva a escolla do xénero?
– A prosa permíteme contar historias cando teño tempo e ganas, a poesía adoita ser unha necesidade case fisiolóxica, inmediata.

Dos días escuros, premio Johán Carballeira, aborda os malos tratos como temática e coido que un asunto reiterado noutras obras da súa autoría. Por que?
– Porque me quedan cousas por dicir, porque me proe a súa dor e quero ser, humildemente, a voz das que calan, das que perdoan máis de sete veces, das que non denuncian, das que non teñen alternativas.

– O título fai referencia, daquela, a situacións derivadas da violencia machista?
– O título quixo reflectir a escuridade, a sombra, o asedio, a soidade, a indefensión das vítimas.

– O xurado apuntou a intensidade do poemario ata acadar finalmente a realidade. Por que esa estrutura?
– Quizais porque pretende partir da mesma orixe, do inicio velado do maltrato pasando logo polo recoñecemento, a asunción e a reflexión ata chegar ao final presentido, un final que non será máis que “a crónica dun suceso lamentable á hora do xantar”.

– Que agarda da recepción deste poemario cando vexa a luz?
– Non sei, gozar do momento, supoño.