Manuscrito (e vídeo): Tolstoi

Oínlle contar unha anécdota a César Cunqueiro, hai xa moitos anos,  sobre o seu pai e a literatura rusa. Unha noite, en Madrid, César acompañaba a seu pai e, xa deitados nun cuarto de hotel antes de durmiren, oíuse por fóra o asubío dun tren. Cunqueiro pai, daquela, comentou que a literatura rusa estaba marcada polo asubío  dun tren pola noite. E ficou durmido.

      Lembraba a anécdota cando dei cun marabilloso e traballadísimo manuscrito do gran Lev Tolstoi que logo deu en Guerra e paz, un texto no que o autor traballaba un ano despois da publicación de Cantares gallegos. Quixo a fortuna que, ao tempo, atopara cun vídeo en Open culture no que se recollen imaxes dos derradeiros anos de Tolstoi e mais da súa morte. Deixo as dúas cousas, hoxe, aquí.