Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro

Manuel Álvarez Torneiro

Onde nunca é mañá

Faktoría K de Libros, Pontevedra, col. Tambo, 120 páxinas, 12 €

RETORNA CUN NOVO LIBRO DE POESÍA ÁLVAREZ TORNEIRO. FAINO NO SEO DA COLECCIÓN POÉTICA “TAMBO”,  EDITADA POR FAKTORÍA K DE LIBROS, SELO QUE ACOLLERA O EXTENSAMENTE GALARDOADO OS ÁNGULOS DA BRASA  E DO QUE, DALGÚN XEITO, ESTE RESULTA UNHA FELIZ CONTINUACIÓN

Manuel Álvarez Torneiro volve transitar polos camiños que se xa adiviñaban en Os ángulos da brasa. Mais tamén retorna a ese universo poético construído, chanzo a chanzo, con outras entregas poéticas que foi deixando con discreción e sen facer ruído. De feito, este Onde nunca é mañá non difire substancialmente do que se podería denominar a súa poética e talvez sexa porque Torneiro constrúe iso que fastosamente se denomina macrotexto, quer dicir, un libro único, retroalimentado con recorrencia, mais dotado de diversos matices que veñen sendo pólas dunha mesma árbore.

        Velaquí como nesta ollada á experiencia e, nomeadamente, ao pasado, adopta a forma dun enorme friso nucleado arredor dun “ubi sunt?” particular e crepuscular. Nel, soa música con ecos de Bach ou Schubert, recréanse versos de Neruda, Vallejo, Valente ou reitéranse símbolos produtivos como o “río” ou as “brasas”, tantas veces amentadas, para acompañar unha singradura na que se esculca na realidade privativa da voz lírica, claro é, inserida nun tempo que é o contemporáneo e que resulta imposible de entender sen os fíos da vida:“Esa que un día segue sen nosoutros”, converténdose tantas veces en soidade: “un areal de ausencia marca a tarde / que delinque en medieval letargo”, como sinala no poema “Presentación”, ao meu xuízo un dos máis intensos deste libro xunto co titulado “Ofrenda”, onde exhibe unha feliz acumulación de palabras amadas para que alguén, talvez quen o le, lle dea o seu acento e as faga vivir “no discurso da vida”. Non todo, pois, é “fulgor da nostalxia” pois tamén nese intento de poñerlle nomes ao tempo, asoma, a esperanza.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 9 de maio de 2014, baixo o título de “Poñéndolle nomes ao tempo”.