"Poesía para tod@s" e Rosalia´s Revolution in New York, de Claudio Rodríguez Fer

O proxecto “Poesía para tod@s”, que coñecín hai poucas datas merece, non o dubido, os meus máis entusiastas parabéns. A serie organízase como unha colección poética, derivada do “Proxecto de Unión Libre”, de carácter gratuíto e co obxectivo confesado de achegar a poesía “a toda a xente a través dun proxecto que entenda a súa difusión en función da sociedade e non, como xeralmente ocorre, a sociedade en función da literatura (…) pois “a poesía é como o verdadeiro amor: non se compra nin se vende. Libremente, dáse”.

        Ao abeiro desta intención, e coa estreita colaboración coa Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo publicáronse xa catro entregas, sendo as dúas últimas Poemas para lucenses (nº 3) e Poemas polas vítimas do 36 nas rías de Vigo e Pontevedra (nº 4). O primeiro contén seis composicións de Claudio Rodríguez Fer, o poema “Lugo lugar da liberdade” de Carmen Blanco e mais a prosa “Mirame Lugh: a ti volvo” de Olga Novo. Constitúese así unha entrega que, coa cidade de Lugo non como pano de fondo senón como eixo vertebrador das creacións, resulta operativa tanto para lembrar os asasinatos e o ronsel represeivo cometido polo fascismo nesa cidade desde 1936 en diante como para deitar unha visión persoal, nalgunha medida biopoética, das voces que nel participan.
A outra entrega desta serie á que me refiro –Poemas polas vítimas…- atesoura unha decena de composicións da autoría do devandito profesor lucense, nalgúns casos inéditas até o agora, que se completan con outras publicadas sobre todo nos seu libros Ámote, vermella e d´A loita continúa– Poemas que un non pode deixar de ler e sentir, en tantos casos, con estremecento. A este respecto, o vindeiro venres día 16, Rodríguez Fer e Carmen Blanco presentarán os poemas polas vítimas do 36 nas rías de Vigo e Pontevedra en Cangas do Morrazo, nun acto organizado pola “Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de agosto”.

      Por último, bo é dar conta doutra publicación, tamén en forma de plaquette e integrada na serie epigrafada como “A tola soñando”, en versión bilingüe galego-inglés e titulada Rosalia´s Revolution in New York (Revolución rosaliana en Nova York), presentada na Spanish Benevolent Society de Nova York en novembro de 2013:  unha composición coa que Rodríguez Fer e mais a tradutora, Kathleen N. March (vía Skype), concluíron o recital bilingüe de clausura do Simposio de Estudos Galegos en Norteamérica celebrado este mes en Milwaukee (Wisconsin). A composición en si, definida como un “canto tribal”, supón un diálogo fértil con parte da obra rosaliana máis popular e coñecida, unha sorte de memorial literario por onde circula a evocación de Castelao, de Emilio González López, de Julio Prol, Floreal Conchado ou María Docampo, mais tamén dos soños e as esperanzas de seres anónimos, todos a pularen nunha cidade contemplada como “utopía existente” tal e como se suxire este engaiolante concepto da “revolución rosaliana”.